Xa está aquí un ano máis a proba atlética máis multitudinaria da cidade, a San Silvestre coa que milleiros de pontevedreses acostuman a despedir o ano.
En XXXII edición, a San Silvestre con máis soleira de Galicia aspira a seguir crecendo, tras repartir o pasado ano preto de 4.000 dorsais e contar con 5.000 atletas nas rúas da cidade.
Nesta ocasión serán 6.000 os dorsais habilitados para unha proba que como é habitual partirá ás 17:00 horas do día 31 de decembro desde a Avenida Montero Ríos.
A conta atrás iníciase este venres 27 de novembro coa apertura do prazo de inscrición, que permanecerá aberto ata uns días antes do evento.
Os interesados poderán anotarse de balde a través da páxina web da Sociedad Gimnástica (www.sgpontevedra.com), organizador xunto ao Instituto Municipal de Deportes.
Volverán ser case catro quilómetros de percorrido e diversión polo centro da cidade, con categorías paralelas como a camiñada nórdica ou a novidade dun percorrido para os afeccionados á patinaxe.
Os detalles das diferentes modalidades e as actividades que completarán a xornada festiva desvelaranse en próximas datas.