A posibilidade de que Jéssica Bouzas compita nos Xogos Olímpicos está cada vez máis preto de converterse en realidade.
A tenistra arousá, coa súa eliminación en primeira rolda de Roland Garros, quedou a moi poucos puntos de entrar na cita olímpica de París 2024 directa por ranking (a clasificación pechábase tras o grand slam de terra batida), deixando a Bouzas como unha das reservas do torneo.
Só Sara Sorribes e Cristina Bucsa accederon directamente aos Xogos no equipo feminino español, mentres que Paula Badosa renunciou á posibilidade de competir grazas ao ranking protexido da WTA (tras superar unha lesión).
Cabe lembrar que o torneo olímpico dispútano no cadro individual 64 tenistas, das que 56 entran directamente por ranking, seis son prazas reservadas pola ITF e dúas máis son invitacións. Todo iso con catro prazas máximas para cada país.
Nesta situación Jéssica Bouzas necesitaba de varias renuncias para optar aos Xogos, e iso é o que está a suceder nos últimos días, con mombres soados do circuíto internacional que deciden non competir en París 2024 ou ben por problemas coas lesións ou ben para preservar precisamente o seu físico debido aos continuos cambios de superficie. Neste sentido, tras Roland Garros en terra batida, as principais raquetas do panorama internacional preparan estes días o salto á herba de Wimbledon, o que obriga a unha nova transición de cara ao torneo olímpico, de novo sobre po de arxila.
Así, nas últimas horas anunciaron oficialmente a súa renuncia a bielorrusa Aryna Sabalenka, actual número dous do mundo, e a tunisiana Ons Jabeur, décima clasificada da WTA. A elas sumouse tamén a británica Emma Raducanu, campioa do US Open 2021 e que gozaba dunha invitación da ITF.
Con este panorama, unha nova baixa pode converter oficialmente a Bouzas nunha tenista olímpica, un logro que só hai uns meses parecía imposible.