Marín converteuse durante esta fin de semana no epicentro da ximnasia rítmica galega con dúas xornadas de deporte en estado puro.
O pavillón da Raña foi escenario durante o sábado do VI Torneo Intercentros do Club In Mare, no que participaron máis de 300 deportistas pertencentes a 15 escolas e colexios da provincia como o Colexio Abrente, Abrente, ED A Seca, EDM Hip Hop, Biqueira, O Carballal, Beluso, A Pedra de Bueu, EDM Marín e as escolas do propio club organizador.
O máis importante con todo reservábase para o domingo, cando o pavillón marinense recibía a visita de preto de 600 deportistas de diferentes clubs da provincia.
O motivo foi o Campionato Galego Escolar organizado pola Federación Galega de Ximnasia para as categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e sénior, con dobre sesión de mañá e tarde para dar cabida á competición nas diferentes categorías.