A primeira volta a nado á illa de Tambo partirá desde Combarro o 21 de agosto

Poio
24 de febreiro 2022

A competición contará con dous percorridos de 4.500 e 6.000 metros, e espera reunir a preto de 300 nadadores do noroeste peninsular

Presentación da primeira volta a nado á Illa de Tambo
Presentación da primeira volta a nado á Illa de Tambo / Concello de Poio

Combarro acollerá a primeira edición da proba deportiva Volta a nado Illa de Tambo- Concello de Poio o domingo 21 de agosto de 2022, coa celebración de dous percorridos de 4.500 e 6.000 metros de distancia. Trátase dunha competición de carácter popular, que ten como obxectivo converterse nunha das citas de natación máis importantes que se disputan en Galicia cada verán.

Durante a presentación da proba, que tivo lugar este xoves na Praza da Chousa, en Combarro, a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, resaltou a transcendencia que terá este evento para o municipio. “O Concello de Poio ten unha aposta firme polos hábitos saudables, ao mesmo tempo que, unha vez que a situación sanitaria permitiuno, continuamos impulsando probas deportivas que somen un atractivo máis para atraer aos amantes do deporte e a visitantes, ampliando a oferta lúdica coa que contamos, especialmente no verán”, indicou.

Ademais, Caldas Moreira destacou a importancia que adquire a realización da primeira edición desta proba “nun ano especial” , xa que chega cando se cumpren 50 anos da declaración do casco antigo de Combarro como Conxunto Histórico. A isto hai que sumarlle que, para cando se celebre a proba, o Concello de Poio xa será o encargado de xestionar a illa de Tambo, despois das negociacións realizadas co Ministerio de Defensa.

Pola súa banda, a responsable de Atlantic Extreme Sports, Beatriz Alvariño, asegurou que "este evento permitirá promocionar turisticamente una das zonas con maior atractivo do municipio. A proba vai ser un gran espectáculo”.

A saída e chegada da travesía estará situada na céntrica Praza da Chousa onde estarán situadas as zonas de avituallamiento e entrega de premios aos participantes, entre outras.

Este evento está organizado polo Concello de Poio e a empresa Atlantic Extreme Spors, e espera a reunir a preto de 300 participantes do Noroeste peninsular na súa primeira edición. “A proba celebrarase nun dos enclaves máis espectaculares da ría de Pontevedra e as Rías Baixas. É un lugar extraordinario e cun gran atractivo para disputar unha travesía a nado e poñer en valor a riqueza natural, cultural e patrimonial desta illa”, sinalou Beatriz Alvariño.

Na primeira edición organizaranse dous percorridos “pero o noso obxectivo é aumentar as distancias nos próximos anos para atraer a un maior número de participantes de todas as idades e ofrecer distintas actividades paralelas para os familiares e acompañantes”, apuntou Alvariño.

A proba longa, de 6.000 metros, permitirá aos participantes dar a volta completa a Tambo, percorrendo o faro de Teno Mozo e a praia de Adreirá, e apreciar a riqueza dos fondos mariños, mentres que a de 4.500 metros celebrarase nas proximidades da illa. Nas dúas distancias os nadadores poderán participar con ou sen neopreno, xa que será optativo.

Ambos os percorridos serán cronometrados por chip electrónico e os nadadores estarán acompañados por embarcacións pneumáticas e kaiaks, e contarase co apoio de Protección Civil de Poio, Mariña Combarro e a Garda Civil do Mar, entre outros. As dúas distancias estarán balizadas con boias para facilitar a orientación dos participantes.

Arquivado en