A estrea do Pontevedra Club de Fútbol na Primeira RFEF tras o seu ascenso de categoría será un esixente reto no deportivo, con grandes equipos como rivais, pero tamén no organizativo, con longos desprazamentos.
Tras a repartición de grupos aprobada este luns cunha importante disparidade de opinións entre as dúas opcións sometidas a votación polos clubs, os granates quedaron emparellados cos equipos andaluces, estremeños, leoneses, madrileños e o Ceuta, ademais do resto de galegos.
Esta división fai que aparezan no radar do Pontevedra equipos da talla do Deportivo, Racing de Ferrol, Córdoba, Cultural Leonesa, Badajoz, Mérida, Castilla ou dous recentemente descendidos desde Segunda División como o Fuenlabrada e o Alcorcón.
Á parte da vertente deportiva, atractiva para o afeccionado, a división aprobada e que non contaba co respaldo da contorna granate supoñerá unha importante carga de quilómetros, moi por encima da que soportarán os equipos do Grupo II.
Desta forma os da Boa Vila, do mesmo xeito que o resto de galegos, converteranse nos máis viaxeiros da Primeira RFEF. Tanto é así que, contando como referencia a aplicación de Google Maps no seu percorrido máis rápido en coche, o Pontevedra percorrerá a próxima tempada a friorenta de 11.565 quilómetros entre os seus diferentes desprazamentos.
O máis longo de todos será o que lle levará ata Ceuta (1.066 quilómetros por estrada, ademais do ferry), pero non quedarán á zaga o resto de viaxes a Andalucía para medirse ao Linares (971 quilómetros), á Real Balompédica Linense (943 quilómetros), Algeciras (931 quilómetros), San Fernando (871) e Córdoba (806).
A vía por Portugal acurtará lixeiramente a maioría deses traxectos, do mesmo xeito que para ir ata Mérida (591) e Badajoz (529).
No que respecta a os equipos madrileños, os granates mediranse á UD Sanse (627 quilómetros), Fuenlabrada (624), Alcorcón (616), Real Madrid Castilla (614), DUX Internacional de Madrid (612) e Rayo Majadahonda (600).
Completan o grupo Unionistas de Salamanca (439 quilómetros), Cultural Leonesa (410) e o resto de galegos, é dicir, o Racing de Ferrol (153), o RC Deportivo (135) e o Celta B (27 quilómetros), que pasará por ser o desprazamento máis próximo da tempada.