O Campionato de España de Ciclocrós chegou este domingo á súa fin despois de tres intensos días de competición na Illa das Esculturas de Pontevedra. Unha vez máis, a partir das 8:30 horas, o ambiente das probas foi fantástico, xa que as proximidades do percorrido encheron de público que animou, en todo momento, aos participantes das diferentes categorías.
Nesta ocasión, para poñer o broche de ouro á fin de semana, foi a quenda das carreiras correspondentes a júnior homes (9:30), sub-23 homes, sub-23 (júnior), elite e máster mulleres (11:50) e, finalmente, elite homes (13:10), alongándose, así, a xornada ata ao redor das 15:00 horas tras a cerimonia de clausura do torneo.
A vilaboesa Lucía Vázquez finalizou a proba de mulleres na oitava posición (quinta elite), por detrás da vasca Olatz Odriozola. A campioa da categoría é Aída Nuño, do equipo asturiano, algo que xa se esperaba antes do comezo da cita, debido a que era unha das favoritas para o podio.
Pola súa banda, a marinense Irene Trabazo quedou fóra do top 10 de sub-23 mulleres por mor dunha avaría durante a competición. Neste caso, o ouro foi para a arabesa Luisa Ibarrola e a prata para Paula Díaz. En categoría júnior, a mallorquina Lucía Gómez impúxose á madrileña María Parajón.
Finalmente, cumpríronse as previsións tamén en elite homes, onde gañou o considerado mellor español do momento en ciclocrós, o valenciano Felipe Orts. Os títulos completáronos Ismael Esteban, procedente de Cantabria, e o arabés Javier Ruiz (segundo e terceiro, respectivamente).
Iván Feijóo ( Sub-23), Carlos Canal(Júnior) e Isabel Castro (Máster) conseguiron ademais o título nas súas categorías para engrosar o medalleiro do equipo galego.
Desta forma, conclúe a primeira gran celebración deportiva do ano na cidade: cunha gran afluencia de ciclistas procedentes de diferentes partes de España e un espectáculo que non defraudou a ninguén.