Despois de moitos meses de preparación chega o momento da verdade para Lydia Pérez Touriño na súa meta de converterse en olímpica o próximo verán en París 2024.
Neste complicado reto a deportista pontevedresa ten aínda dúas balas na recámara, e a primeira é o clasificatorio continental europeo que terá lugar do 5 ao 7 de abril en Bakú, capital de Acerbaixán.
A cita reparte dúas prazas olímpicas por peso, polo que o billete pasa por chegar á final do torneo, xa que non haberá nesta ocasión nin repesca nin combate polo bronce.
Lydia Pérez é unha das sete loitadoras nacionais convocadas para o preolímpico de Bakú, no seu caso para competir na categoría de 62 quilos. Ademais representarán a España en loita feminina Aintzane Gorria (50kg) e Grace Sánchez (57kg), na libre masculina Levan Metreveli (57kg), Carlos Álvarez (65kg) e Taimuraz Friev (86kg) e en grecorromana Marcos Sánchez-Silva (77kg).
No caso da deportista do Club Loita Pontevedra, a súa participación está prevista para o sábado día 6 de abril.
No caso de non conseguir a praza para París 2024 en Bakú, a última esperanza será o preolímpico mundial, sobre o papel algo máis accesible, que se celebrará do 9 ao 12 de maio en Istambul.