Sen tempo para laiarse máis da conta pola dolorosa derrota no derbi fronte ao Racing de Ferrol, o Pontevedra Club de Fútbol iniciou este luns unha nova semana de traballo sen descanso ante a esixente semana de competición que se lle presenta por diante.
O conxunto granate visitará este mércores 7 de decembro (21.00 horas) o campo do líder, un Córdoba que acumula oito xornadas sen perder, mentres que o domingo 11 (17.00 horas) comparecerá en Pasarón o Rayo Majadahonda nun duelo vital para as aspiracións pontevedresas, ao ser un rival directo por eludir actualmente as prazas de descenso.
No que respecta a a primeira das citas no Estadio Arcángel de Córdoba, a principal dúbida para Antonio Fernández será saber se pode botar man do seu capitán, Álex González, baixa contra o Racing debido a un golpe sufrido no adestramento do sábado. O extremo probouse antes do choque apurando as súas opcións de vestirse de curto, pero finalmente optouse pola prudencia.
A súa presenza na expedición que partirá este martes en autocar desde a Boa Vila non está aínda descartada, en función das sensacións que teña o futbolista na última sesión.
Antonio Fernández fixo alusión na rolda de prensa post-partido a esta baixa e á de Ángel Bastos, unha dobre ausencia que deixou con poucas opcións a banda esquerda do equipo. "Bastos que se lastimó durante la semana como Álex que se lastimó el sábado fueron dos bajas notables dentro de nuestro modelo", recoñeceu o adestrador.
No caso de Ángel Bastos os prognósticos son moito peores, e é que o lateral, como puideron comprobar os afeccionados que se achegaron o domingo a Pasarón, compareceu no estadio axudado de muletas tras a forte escordadura que sufriu no adestramento do pasado mércores na Xunqueira. Sen parte médico oficial sobre a súa doenza, non se espera en todo caso que xogador regrese á competición ata o mes de xaneiro, no mellor dos escenarios posibles.