A preparación física das promesas da vela galega, en mans de investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

Pontevedra
13 de xaneiro 2023

Investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte traballan na avaliación, deseño e execución dun programa de preparación física para os integrantes do programa de tecnificación da Real Federación Galega de Vela

Ginés Martínez con deportistas de vela no CGTD
Ginés Martínez con deportistas de vela no CGTD / Universidade de Vigo

As novas promesas da vela galega puxéronse en mans do campus de Pontevedra para mellorar o seu rendemento deportivo.

Investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte traballan, no marco dun contrato de I+D, na avaliación, deseño e execución dun programa de preparación física para os integrantes do programa de tecnificación da Real Federación Galega de Vela. 

Trátase dun proxecto que abarca tanto o deseño e o desenvolvemento das sesións de adestramento, como a realización dunha serie de avaliacións do rendemento aos deportistas e o apoio aos técnicos da federación na planificación anual do adestramento. 

Participan nel unha vintena de deportistas bolseiros no Centro Galego de Vela de Vilagarcía (CGV) e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD).

"Son mozos de 16 ou 17 anos, cos que o traballo ás veces non é tan específico, senón orientado a un desenvolvemento motor básico co que evitar descompensacións e xerar unha mellor condición intra e intermuscular, que é o que logo lles vai a permitir dar un salto de calidade", explica o decano da facultade e coordinador destes traballos, Óscar García. 

En base aos resultados dunha serie de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural ou asimetrías laterais e funcionais, defínese un plan e as sesións de adestramento que coordina Ginés Martínez, integrante do laboratorio, e que levan a cabo dúas veces por semana no CGTD e tamén no CGV, onde levan a cabo adestramentos específicos.

"O ano pasado tivemos unha experiencia piloto con eles e foi francamente ben", recoñece Óscar García. "Penso que demos un paso adiante moi grande na busca do rendemento e a optimización", engade Bruno Gago, director deportivo da Federación Galega de Vela, incidindo en que este proxecto permítelles "crecer na dirección do ámbito rendemento".