Javier Gómez Noya xa se puxo ao choio na súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo 2020. Ese será o seu principal obxectivo da nova tempada e todo virará sobre iso para tentar chegar á cita nas mellores condicións posibles.
O medallista de prata en Londres 2012 e pentacampión mundial de tríatlon en modalidade olímpica apadriñou este martes a presentación do novo club local nacido da fusión do Motobike Galaico Pontevedra e o Club Tríatlon Poio, e repasou o camiño que lle espera cara a Tokyo.
Gómez Noya: "Despois de Abu Dhabi xa estarei con base en Galicia, desde aquí sairei ao resto de competicións e desde aquí faremos a preparación para os Xogos"
"Xa empecei a adestrar pero tamén con moitos compromisos e viaxes. A partir da semana que vén que estarei xa en Nova Zelandia estarei xa máis centrado para traballar duro", explicou Gómez Noya, que establecerá a súa base nas antípodas ata o mes de marzo, cando quedará definitivamente na casa para preparar as olimpíadas. "Despois de Abu Dhabi xa estarei con base en Galicia, desde aquí sairei ao resto de competicións e desde aquí faremos a preparación para os Xogos", revelou.
Noya non descarta inscribirse nalgunha carreira 70.3 no mes de febreiro "en función das miñas necesidades de adestramento", pero a súa tempada pivotará sobre as carreiras das Series Mundiais que "creo que son as probas máis específicas para preparar a cita olímpica".
Así será polo menos nas primeiras probas, previsiblemente Abu Dhabi (7 de marzo), Bermuda (18 de abril), Yokohama (17 de maio) e Leeds (7 de xuño). Despois "Montreal está aínda no aire", asegura o campionísimo galego e "Hamburgo que é sprint e soamente dúas semanas antes, esa 100% practicamente que non a farei", afirmou ao termo da presentación.
Para completar o camiño cara a Tokyo 2020 Javi Gómez Noya tamén ten en mente "algunha concentración en lugares de calor e humidade extremas que son un pouco as condicións que nos imos a atopar en Tokyo".
O que si é seguro é que a longa distancia, coa clasificación para o Mundial de Hawaii 2020 no peto, quedará aparcada ata despois da competición olímpica.
Antes de partir cara a Nova Zelandia, está previsto que Gómez Noya reciba este mércores en Madrid a Orde Olímpica que outorga o Comité Olímpico Español (COE) e que supón a súa máxima distinción deportiva, unha honra que compartirá con Iván Raña e que "me fai moita ilusión", sinalou.