A Praza do Teucro, epicentro dunha celebración polo ascenso que se prolongou durante horas

Pontevedra
09 de maio 2022

O plantel e corpo técnico do Pontevedra gozou do ascenso virtual a Primeira RFEF cun nutrido grupo de seguidores que se congregaba na céntrica praza do centro histórico, ata onde se achegou tras celebrar unha comida no Hotel Campaniola

Celebración do Pontevedra na Praza do Teucro polo ascenso virtual á Primeira RFEF
Celebración do Pontevedra na Praza do Teucro polo ascenso virtual á Primeira RFEF / PontevedraViva

A festa polo ascenso virtual do Pontevedra Club de Fútbol á Primeira RFEF non quedou en Estadio Municipal de  Pasarón, e prolongouse durante gran parte da xornada especialmente polas rúas do centro histórico.

Tras celebrar intensamente no propio estadio, primeiro sobre o verde cos afeccionados presentes e despois no propio vestiario, o plantel do Pontevedra desprazouse ata o Hotel Campaniola para unha comida na que non faltaron os cánticos e ata o 'tradicional' manteo ao Secre.

Unha vez repostas enerxías, había ganas de máis, e os xogadores e corpo técnico achegáronse á céntrica Praza do Teucro, onde se congregaban un bo número de seguidores que continuaban festexando. 

Pouco importaba que fose un domingo con tempo de praia, e é que non é tan habitual poder celebrar un ascenso de categoría e ademais facelo na casa.

Alí, durante horas e ata o final da xornada, o plantel granate compartiu a súa alegría cos afeccionados, algún deles de excepción como o ex-futbolista do club Igor de Souza, arroupando ao seu primo Charles.

Unha xornada para lembrar.