A pontevedresa Raquel Miguens, medalla de bronce no Máster Absoluto de Granollers

Pontevedra
16 de xaneiro 2018

A xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra subiu ao podio da competición na modalidade de dobres mixtos xunto ao onubense Adrián Márquez

Raquel Miguens, xogadora do Bádminton Pontevedra
Raquel Miguens, xogadora do Bádminton Pontevedra / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O bádminton pontevedrés empeza a facerse notar a nivel nacional con resultados como o logrado por Raquel Miguens no Máster Absoluto de Granollers.

A xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra, que chegaba á cita catalá como terceira cabeza de serie na modalidade de dobres mixtos xunto ao onubense Adrián Márquez, logrou subir ao podio da competición ao facerse coa medalla de bronce.

A pesar de chegar á cita con molestias físicas, Miguens e o seu compañeiro demostraron un alto nivel na fase de grupos e avanzaron ata as semifinais, onde caeron ante Marc Gallardo e Laia Oset (Granollers/ Pitius) nun emocionante partido a tres sets que se resolveu por 21-18, 16-21 e 15-21.

Con este resultado a parella galego-andaluza sobe postos no ránking nacional e avanza no seu obxectivo de chegar ao próximo Campionato de España como cabezas de serie.

A actividade do Bádminton Ravachol completouse a fin de semana coa presenza de Nacho Xesteiras e Pablo Chantrero na proba do circuíto galego sub-13 en Pereiro de Aguiar.