Illa de La Palma...Isla Bonita...CD Mensajero. Por dereito son dende hai case 31 anos parte importante da historia deportiva de Pontevedra e do Pontevedra CF. Alí viviu o club granate e un puñadiño de pontevedreses desprazados para a ocasión, o primeiro e único (ata agora) ascenso a Segunda B. Eso si, non sen sufrir, despois de gozar primeiro dos encantos dunha illa diferente ao resto da Canarias, bela como ningunha e da hospitalidade das súas xentes.
Foi un 2 de xuño de 1984. Era o terceiro intento despois de tres tempadas afundidos en terceira división. E aquí comezan as similitudes coa situación actual, porque se ben son catro as tempadas en terceira, será noso terceiro asalto ao ascenso. O resto iremos detallándoos pouco a pouco. Antes, déixenme que lles conte algunhas cousiñas do que sucedeu naquela eliminatoria, naquel larguísimo viaxe e no partido de volta.
Cando tocou o Mensajero no sorteo, pouco sabiamos, apenas nada, do rival nin das súas circunstancias. E así subimos ao primeiro dos tres avións necesarios para chegar á illa. Ata Madrid. De alí a Las Palmas. E de Las Palmas ata Santa Cruz de La Palma. Este último voo para non esquecer. Algúns cando viron o aparato ao que había que subir dubidaron se era mellor ir a nado. Tratábase dun modelo Focker, de hélice, que debía proceder da segunda guerra mundial. Para entrar na súa cabina había que facelo agachado para non dar coa cabeza no teito, e iso sen ser excesivamente alto. Do ruído e os vaivéns durante a travesía, mellor non se acordar.
Aterrar no aeroporto de Santa Cruz de La Palma (por entón case mellor dicir aeródromo) transportounos de pronto a paisaxes que recordaban a época colonial. Estacionado o avión, accedíase á terminal a pé, cruzando a pequena pista, a través da terraza da cafetaría onde un importante número de clientes desta gozaban pracidamente do sol.
O presidente, Miguel Domínguez Vaz, non viaxou a La Palma polo seu pánico aos avións
Ademais do equipo de xogadores cuxos nomes me permito recordar todos, que ben o merecen: Paco, Marsillas, Milucho, Andrés, Churruca, Tapia, Amigo, Tito, Domingo, Collazo, Cal, Carlos, Milo, José Emilio, Soneira, Prol, Taboada, Joseíño e Toti, alí estaban Fernando Castro Santos (adestrador), Rafa Lino (delegado) o mítico "Rulo" Castro Ruibal (masaxista). Con eles como directivo e médico viaxaba tamén Rafael Domínguez Vaz, irmán do presidente, Miguel Domínguez, a quen o seu pánico aos avións deixara en Pontevedra. E aquí chega a segunda coincidencia co actual, no que a presidenta, Lupe Murillo, tampouco viaxará, se ben neste caso non por medo a voar, senón por respectables motivos familiares.
Sei que había algúns máis, creo que o recordado Carlos Saburido, por entón secretario do club, e Benigno Abelleira, directivo. Perdoen se me deixo algún atrás, que xa son moitos anos. Con eles un puñadiño de xornalistas locais. Poucos, pero algúns máis dos que nesta ocasión acompañaremos o equipo, que os tempos cambian e non sempre para ben. Estaban o admirado Amador Larriba, que por certo regresou enfermo da illa pero aguantou como unha cría do xabaril. Ao seu lado o fundador da "dinastía" de fotógrafos Vázquez, o avó Rafa, para Diario de Pontevedra. Tino Rascado, que por aquel entón retransmitía os partidos para a desaparecida emisora Antena 3 de radio, para completar a lista con Perfecto Sangiao e un servidor, que o faciamos para Radio Pontevedra.
Uns dos nosos primeiros anfitrions foi o adestrador do CD Mensajero. Un galego. José Ramón Lamelo. Terceira coincidencia. Tamén esta vez no banco rival haberá un técnico galego, Miguel Cid. Tanto empeñouse o bo de Lamelo en facernos agradable a estanza na illa que cando abandonou o sábado o hotel en que se aloxaba a expedición pontevedresa, a madrugada do domingo se consumira e o sol asomara vencendo á noite.
O Pontevedra pedira delegado federativo para o partido, do que pouco soubo máis que velo comer un bocadillo de chourizo cunha cervexa ás cinco da madrugada
Por alí andaba tamén un personaxe clave no fútbol español. Fixérao famoso o inesquecible José María García, alcumándoo despectivamente como "Fernandete Cubatas". Era o secretario xeral e asesor xurídico de "Pablo, Pablito, Pablete", tamén coñecido como Pablo Porta, entón presidente do fútbol español. O Pontevedra solicitara a presenza dun delegado federativo para o partido, e o que compareceu foi Fernando Vara de Rey. Durante o fin de semana unicamente se deixou ver arrimado á barra da cafetaría e logo o luns despois do partido, ao ir a coller o avión de regreso, sobre as cinco da mañá, dando conta dun bocadillo de chourizo convenientemente regado por unha cervexa, para repoñer forzas antes de partir cara a Madrid, con escala en Tenerife.
O segundo anfitrión, na mañá do domingo, foi o propio presidente do CD Mensajero. José Luis Ramos, creo que era o seu nome. Encantaríame ter o pracer de volver saudalo. Ensinounos toda a illa (aos acompañantes, claro, que os xogadores tiñan bastante con descansar e prepararse para o partido). Levounos a ver unha das principais fábricas de tabaco de Canarias, da que era propietario, o que aproveitaron algúns para regresar coa mochila ata arriba de puros canarios, alta calidade a un prezo de saldo.
O campo, situado ao pé dun barranco, encheríase ata a bandeira. E no cume dese barranco, centos de afeccionados nun curioso "banco dos xastres"
Logo, comidiña rápida e cara á Silvestre Carrillo. O antigo, pero como o actual un estadio singular. Ao chegar, primeira sorpresa, o autobús non chegaba ao campo. Había que deixalo a uns 500 metros de distancia e percorrer eses metros andando. A cantidade de público que había xa esperando era importante. O campo, situado ao pé dun barranco, encheríase ata a bandeira. E no cume dese barranco, centos de afeccionados nun curioso "banco dos xastres". Daba medo pensar que pasaría se algún esvaraba e se caía.
Cinza volcánica. Esa era a superficie do terreo de xogo. Ben coidado, pero unha auténtica pista de patinaxe para os nosos, que nunca se viran en nada igual. Sen o calzado axeitado, cando deixaron de esvarar xa perdiamos 2-0 (un deles de penalti inventado pola figura local, Ayala) e apenas pasaran 15 minutos.
Situados sobre o tellado do edificio que ocupaban os vestiarios, Perfecto Sangiao e un servidor case non sabiamos como explicar que nos viamos outro ano máis en terceira división. Pero non, marcou Domingo un gol de cabeza pouco antes do descanso e logo o equipo aguantou unha segunda parte interminable de forma heroica.
Recordo cun cariño especial o programa especial (Mosaico Deportivo) que para Radio Pontevedra fixemos dende o cuarto do hotel, con toda a expedición metida no noso cuarto, no que cada un contaba as súas experiencias e Pachi Soneira era o máis gráfico explicando que lle deran unha patada en todos os "cataplines" que case lle deixa sen os seus atributos masculinos. Con Rafael Domínguez informando a través do mesmo programa o seu irmán e presidente Miguel con todo detalle e preparando o partido de volta.
Na volta Pasarón, con máis de 30 graos de temperatura e un sol radiante durante toda a semana, estaba "milagrosamente" encharcado
Do que pasou en Pasarón xa nin lles conto, que moitos de vostedes o terán vivido ou lido. Unicamente que cando o bo de Lamelo levou ao seu equipo na mañá do domingo a ver o campo, cun céspede espectacular, froito dos bos coidados de Benigno Abelleira, directivo encargado de tal tarefa, o adestrador lles soltou aos seus xogadores: "chicos, en este campo el que no sepa jugar, pasta", de pacer, claro está. Iso si, a cara de asombro dos xogadores non era para menos. Con máis de 30 graos de temperatura e un sol radiante durante toda a semana, o campo estaba "milagrosamente" encharcado. Din algúns que por alí estiveron de noite dotacións de bombeiros, probando o correcto funcionamento das súas mangueiras.
Se os nosos tiveran que aprender patinaxe na ida, o Mensaxeiro tivo que aprender a nadar na volta. E afogouse. O 5-0 final (Taboada, Domingo, Prol, Collazo e José Emilio) levounos á seguinte eliminatoria e ascenso contra o Eibar (quen nos viu e quen nos ve a cada un?), pero esa é outra historia.