A Orquestra Panorama pechará cun concerto os actos do Mundial de Dúatlon

Pontevedra
13 de marzo 2014

Así o desvelou o comité organizador tras reunirse este xoves. Entre outros asuntos, tamén fixaron en 40 euros o custo de inscrición da proba popular, que se desenvolverá no mesmo circuíto da competición elite

Panorama Space Tour 2014
Panorama Space Tour 2014

Os deportistas, adestradores, familiares ou afeccionados que acudan ao próximo Campionato do Mundo de Dúatlon que se celebrará en Pontevedra os días 31 de maio e 1 de xuño, encontraranse con "una prueba innovadora".

Así o definiu o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, tras a reunión do comité organizador da proba, celebrada este xoves no Concello de Pontevedra.

A afirmación de Hidalgo baséase en varios aspectos acordados polo comité, como a creación dunha liña de merchandising propia do evento ou a celebración dunha festa de clausura, a tarde-noite do domingo no Recinto Feiral, que contará cun concerto da Orquestra Panorama.

A pretensión é que conseguir a través desta festa lograr un patrocinador específico que colabore en completar o presuposto do campionato, que ascende a 366.000 euros, segundo o desvelado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Entre o resto de asuntos tratados na reunión destaca a confirmación dos horarios, coas probas elite feminina e masculina ás 15:00 e 18:00 horas do sábado respectivamente e a carreira popular o domingo ás 10:00 da mañá, ademais dos diferentes grupos de idade.

Para o dúatlon popular fixouse ademais unha inscrición de 40 euros, que inclúe o seguro e a ficha federativa para poder competir "en un montaje preparado para un Mundial", tal e como apuntou Laura Mosquera.

O comité tamén confirmou que se manteñen unhas altas previsións de participación, por enriba dos 1.000 deportistas, o que provocou que, entre outras cousas, xa se reservasen 400 cuartos de hoteis na cidade.