O Rápido de Bouzas e as súas particulares técnicas de motivación crúzanse esta semana no camiño do Pontevedra Club de Fútbol e no seu obxectivo de progresar cara á zona nobre da clasificación.
Xa a pasada campaña o cadro vigués chamou a atención dentro da súa espectacular traxectoria, que estivo preto de meterlle no play-off de ascenso a Segunda División, polas primas ofrecidas polo seu presidente, Manolo Seoane.
Así, os futbolistas do Rápido foron agraciados no seu momento cun xamón por cabeza polo seu empate ante o líder, o Fuenlabrada, ou cunha caixa de lagostinos polo resultado obtido ante o Real Madrid Castilla.
Agora a situación nos aurinegros é moi diferente, metidos na zona de descenso tras un irregular inicio de liga que se cobrou mesmo a cabeza de Jorge Otero no banco, pero as técnicas de motivación permanecen intactas.
Agora, con Míchel Alonso á fronte do equipo e en plena reacción (1 derrota nos últimos 6 encontros) para poñerse con 10 puntos na táboa (a 5 do play-out), o presidente dos vigueses volveu a recorrer aos incentivos para tentar saír do pozo.
Fíxoo a pasada semana ante o Unión Adarve (1-1) coa bautizada como 'Operación Centola', unha idea que terá continuidade na visita do Pontevedra ao Baltasar Pujales. Se o Rápido de Bouzas vence aos granates, cada xogador recibirá un exemplar deste marisco, aproveitando que nos atopamos en plena tempada de extracción. Un extra de motivación que deberán superar os de Luismi se queren obter a súa segunda vitoria consecutiva na liga.