A opción de dar de alta a Derik Osede no mercado de inverno "está aí. Véxoo un xogador súper apto"

Pontevedra
02 de xaneiro 2023

O adestrador do Pontevedra, Antonio Fernández, recoñeceu este luns que a incorporación do central, que adestra desde verán co equipo pero sen ficha, é unha opción para reforzar ao equipo no mercado de inverno aínda que "se teñen que dar as circunstancias", ao ser necesario liberar unha ficha sénior

Derik Osede (centro) nun adestarmento do Pontevedra na Xunqueira
Derik Osede (centro) nun adestarmento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

O primeiro reforzo invernal do Pontevedra Club de Fútbol pode estar na casa. Iso polo menos despréndese das palabras deste luns do adestrador granate, Antonio Fernández, na rolda de prensa previa ao partido de Copa do Rei fronte ao Mallorca.

Preguntado sobre a posibilidade de dar de alta a Derik Osede, central que se exercita co equipo desde verán sen ficha, o técnico recoñeceu que "é unha opción que está aí e verase co transcurso do mercado".

Antonio explicou que Derik "en pretempada necesitaba unha adaptación" tras máis dun ano practicamente en branco despois de superar unha grave lesión. Agora con todo a impresión é diferente, xa que "leva moito tempo adestrando connosco e está axustado á nosa forma de pensar e de ver o xogo. Eu véxoo un xogador súper apto pero téñense que dar as circunstancias para quer poida ser incorporado", explicou o preparador.

Esas circunstancias ás que se refire pasan pola necesidade de liberar unha ficha sénior do plantel, ao estar todas ocupadas.

Tan real vese esta posibilidade que, cuestionado sobre se mesmo podería ser parte da convocatoria para a Copa do Rei, Antonio Fernández deixou a porta aberta ante os medios de comunicación ao sinalar que "non se prevé pero podería haber a opción se se produce algunha saída".