A ofrenda á Peregrina, inicio dunha tempada para o Pontevedra que "esperamos que sexa de éxitos"

Pontevedra
30 de agosto 2023

"Borremos o pasado. Estamos ilusionados outra vez. Houbo cambios, bastantes, vai haber máis cambios e tentamos que todo volva un pouco ao que foi", defendeu este mércores a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, antes da tradicional ofrenda floral que dá inicio oficial á tempada 

Ofrenda floral do Pontevedra CF á Virxe Peregrina para a tempada 2023-2024
Ofrenda floral do Pontevedra CF á Virxe Peregrina para a tempada 2023-2024 / Mónica Patxot

A tempada deportiva para o Pontevedra Club de Fútbol inaugurouse, como cada ano, coa tradicional ofrenda floral á Virxe Peregrina.

Plantel, corpo técnico e directiva granate acudiron ao santuario para cumprir coa tradición.

"Imos empezar unha nova tempada, borremos o pasado, grazas a deus o fútbol non ten memoria. Estamos ilusionados outra vez. Houbo cambios, bastantes, vai haber máis cambios e tentamos que todo volva un pouco ao que foi", defendeu antes do acto a presidenta do club, Lupe Murillo.

"É unha nova tempada e esperemos que sexa de éxitos", reiterou a dirixente esperando que tras meses de traballo para recuperarse do golpe que supuxo o descenso "todo flúa, que a afección se some en masa, que o equipo vaia rodando e tendo resultados e que todo volva funcionar".

Finalizada a ofrenda, a comitiva do Pontevedra dirixiuse á Finca Batacos para gozar dunha comida de grupo.