O Pontevedra Club de Fútbol e Luismi aínda non sentaron a negociar unha posible continuidade do técnico como máximo responsable do primeiro equipo. Así o recoñeceu este mércores a preguntas dos xornalistas o propio adestrador, tres días despois de que o equipo quedase sen opcións de clasificación para o play-off de ascenso.
"No hemos hablado e imagino que esperaremos a terminar la temporada", sinalou Luismi, para quen "todo se tiene que hacer a su debido tiempo", cando pase a última xornada da competición que enfrontará este domingo aos granates co Real Madrid Castilla.
"Habrá que sentarse y ver las cosas, hablar", sinala o preparador pontevedrés, que se declara "muy a gusto" no club. "Al final esta es mi casa. He estado como jugador, Pontevedra me ha dado la oportunidad de entrenar en esta categoría y ahora toca sentarse, hablar y al final ver lo mejor para el Pontevedra que está por encima de todo", reiterou respecto diso.
Aínda que a primeira incógnita a resolver é a súa continuidade ou non no banco de Pasarón, o que si ten claro é o obxectivo en caso de manterse no posto. "Esta temporada se han puesto los cimientos y ahora hay que darle continuidad a este grupo de trabajo que está haciéndolo bien", para o que sería indispensable manter a boa parte do actual plantel e despois "apuntalar el equipo con una serie de jugadores que te den ese puntito que ha faltado", explicou Luis Miguel Areda.
Neste sentido, aínda que os movementos intensificaranse a partir da próxima semana, xa existiron contactos con xogadores para coñecer a súa predisposición para continuar no club, no caso dos que non contan con contrato en vigor, xa que algunhas das pezas importantes do equipo si manteñen vinculación contractual por algún ano máis, xa sexa por telo asinado ou por cumprir os obxectivos establecidos no momento de asinar.
RECOÑECEMENTO DA AFECCIÓN
Aínda que a actualidade xa mira exclusivamente cara ao futuro do equipo e a planificación do próximo curso, aínda colea no plantel e corpo técnico a calorosa despedida que a afección pontevedresa brindoulle ao equipo a pesar de caer derrotado e despedirse das súas opcións de ascenso.
"Que tu afición te reconozca el trabajo de toda una temporada es para sentirse orgulloso", recoñece Luismi, para quen a ovación dos seguidores no tramo final do partido e á súa conclusión púxolle os "pelos de punta".