A marea granate acompaña o Pontevedra á final co Haro Deportivo

Pontevedra
20 de xuño 2015

Con todos os seus xogadores, incluídos lesionados e sancionados, e acompañado de dous centenares de afeccionados, entre os que encheron dous autobuses e os que farán a viaxe nos seus vehículos particulares. Así saíu o Pontevedra cara a La Rioja a media mañá deste sábado, para disputar o partido de ida da eliminatoria final polo ascenso a Segunda División B

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón

Con todos os seus xogadores, incluídos lesionados e sancionados, e acompañado de dous centenares de afeccionados, entre os que encheron dous autobuses e os que farán a viaxe nos seus vehículos particulares. Así saíu o Pontevedra cara a La Rioja a media mañá deste sábado, para disputar o domingo (18:00 horas) no campo Municipal El Mazo, fronte ao Haro Deportivo, o partido de ida da eliminatoria final polo ascenso a Segunda División B.

Será un partido a 180 minutos (ou máis, se analizamos a traxectoria de ambos os dous rivais no play-off), cuxa primeira parte pode resultar determinante para o choque de volta en Pasarón. Os granates intentarán arrancar un bo resultado e romper a seca goleadora a domicilio que os lastrou ata agora nesta decisiva fase.

E non o terán doado. O Haro Deportivo combina eficacia realizadora con seriedade defensiva. Os rioxanos chegan co aval de ter deixado atrás outros dous campións de grupo, como o Caudal Deportivo e moi especialmente o CD Castellón, un dos cocos da categoría, en ambos os dous casos ao impoñerse nas quendas de penaltis, o que fala dun conxunto competitivo e que resiste perfectamente a presión nos partidos decisivos.

Para dirixir o choque foi designado o colexiado Francisco Crespo Puente (Cantabria), auxiliado nas bandas por Alejandro Díaz Salces e Cristian Pérez Oruña.

Ambos os dous equipos contan con importantes baixas nas súas filas. Os rioxanos non poderán contar por sanción con Antón, Gulín e Txutxi, mentres Palacios segue lesionado. No Pontevedra son Jacobo e Kevin Presa os sancionados, mentres Bruno é a única baixa segura por lesión, se ben Luisito ten unha ampla "nómina" de dúbidas polos problemas físicos que arrastran Pablo Carnero, Jorge e Tubo, ademais da falta de ritmo de Adrián e Benja, que saen de senllas lesións.

Do estado destes xogadores e dos riscos que están dispostos a asumir, dependerá en boa medida o equipo que salte ao campo inicialmente, de aí que para esgotar posibilidades, ademais de facer grupo, Luisito se levase a todos os seus homes tras o último adestramento realizado en Pasarón na mañá deste sábado, instantes antes de emprender viaxe por estrada.

O equipo ten previsto xantar en Puebla de Sanabria para chegar ao hotel de concentración arredor das 20:00 horas. Pola súa banda, os dous autobuses de afeccionados partirán ás 7:00 horas do domingo, regresando ao finalizar o partido.