A Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (Fedme) incluíu a Pontevedra no seu calendario nacional de 2022.
A Boa Vila, a falta da confirmación definitiva da asemblea federativa, será sede do Campionato de España de Marcha Nórdica de Seleccións Autonómicas, previsto para o 25 de setembro do próximo ano na I Proba Pontevedra MN.
Trátase dun dos tres campionatos nacionais desta especialidade deportiva, xunto ao Campionato de España de Clubs que terá lugar en Vitoria (29 de maio) e o Campionato de España Individual na localidade valenciana de Tavernes da Valldigna (18 de xuño).
"A Concellería de Deportes está a apostar precisamente pola marcha nórdica dentro do programa A Vida é Movernos. A xente que proba este deporte queda enganchada a el unha vez que coñece a súa técnica e beneficios para a saúde", asegura ao respecto o edil de Deportes, Tino Fernández.
A Marcha Nórdica é unha modalidade deportiva consistente en andar cuns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento desta actividade co obxectivo de optimizar o esforzo realizado no movemento biomecánico do corpo ao andar.