A Marcha Ciclista do Marisco homenaxea o estradense Álex Marque

O Salnés
26 de setembro 2022

A proba, que reuniu 190 ciclistas, dá inicio ás actividades da LIX Festa do Marisco de O Grove

VI Marcha Ciclista do Marisco
VI Marcha Ciclista do Marisco / Concello do Grove

Domingo de ciclismo no Grove coa celebración da VI Marcha Ciclista do Marisco.

A proba, que reuniu a 190 ciclistas, deu inicio ás actividades da LIX Festa do Marisco, servindo ademais de homenaxe a un dos mellores ciclistas pontevedreses dos últimos anos, Álex Marque.

O estradense, cunha longa traxectoria profesional en Portugal e que se dispón a colgar a bicicleta, foi o encargado de cortar a cinta inicial xunto co presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. 

Os participantes percorreron 104 quilómetros con dous tramos cronometrados, un na subida ao Monte Castrove e outro chairo a partir de Portonovo ata o alto do Siradella, onde finalizou a marcha.

Os mellores tempos nestes tramos foron para Lara Lois García, do Club Ciclista O Grove, e Daniel García Castaño, do CDM Xesteiras.