O partido de fútbol entre as seleccións absolutas femininas de Galicia e Cataluña que se xogará o vindeiro xoves 22 de decembro (19:00 horas) en Vilagarcía de Arousa será "un día de festa".
Así o asegurou na presentación do encontro o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, quen espera "que o público acuda ao campo da Lomba".
Para iso fixáronse prezos populares, de só cinco euros para o público xeral e de balde para os menores de 14 anos, podendo retirarse as entradas no propio estadio, nas oficinas do Arosa nos días previas ao encontro ou na delegación pontevedresa da Federación, no Estadio de Pasarón.
Louzán confirmou ademais a presenza no combinado galego da máxima representante do fútbol feminino nacional, a compostelá Vero Boquete, e tamén da arousá Mari Paz Vilas, dianteira internacional que milita actualmente no Valencia.
O resto da convocatoria da Selección Galega coñecerase nos próximos días, posto que os responsables do equipo (Quin Valbuena, Edu González e Susú Cores) están a ultimar a lista ao verse afectada polas lesións de varias futbolistas.
O acordo entre as federacións galega e catalá establece que o próximo ano sexa o equipo de Galicia o que se desprace a Cataluña para xogar outro partido amigable.