A loita olímpica española fai historia en Pontevedra

Pontevedra
06 de setembro 2024

Por primeira vez en toda a historia, unha deportista española proclamouse subcampioa do mundo de loita, independentemente da categoría. Logrouno este venres no Mundial U20 de Pontevedra a deportista balear Carla Jaume

Carla Jaume, na final do Mundial U20 de Loita de Pontevedra
Carla Jaume, na final do Mundial U20 de Loita de Pontevedra / Federación Española de Luchas Olímpicas

Histórica. Así foi a medalla de prata conseguida este venres pola deportista balear Carla Jaume no Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas de Pontevedra.

É a primeira vez que un loitador español, independentemente da categoría, logra disputar un combate polo ouro mundial. Maider Unda, co seu bronce olímpico en Londres 2012, lograra a maior fazaña ata a data.

Jaume clasificouse brillantemente este xoves para a final do seu peso (53 quilos), pero faltaba por decidir a cor da medalla. Eran 18.00 horas da tarde do venres e todo o Pavillón Municipal dos Deportes estaba expectante ante a final na que tiña que medirse coa chinesa Jin Zhang, actual campioa asiática.

Foi un duelo vibrante, con nervios nas bancadas, pero que finalmente se terminou decantando en favor da chinesa por 4-0.

Un resultado que en todo caso non embaza o fito conseguido, toda unha medalla de prata mundialista que foi celebrada por toda a loita española.

A xornada de venres no Mundial de Pontevedra supuxo tamén a estrea da loita libre masculina, con dobre representación galega aínda que sen grandes resultados, xa que tanto Alessandro Iemma (57 kg) como Moisés Bello (79 kg) caeron en oitavos de final e sen posibilidade de acceder á repesca.