A Liga Nacional de Clubs de Tríatlon decídese en Pontevedra: "Van a ser carreras espectaculares"

Pontevedra
19 de xuño 2024

Pontevedra será escenario o sábado 22 e o domingo 23 de xuño dos Campionatos de España de Tríatlon por Clubs e por Remudas Mixtas, unha cita que foi presentada este mércores oficialmente e na que participarán ao redor de 1.700 deportistas 

Presentación do Campionato de España de Clubs de Tríatlon
Presentación do Campionato de España de Clubs de Tríatlon /

"Imos a ter tríatlon para dar e tomar", asegurou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación oficial do próximo gran evento deste deporte que se celebrará na Boa Vila.

En concreto Pontevedra será escenario este sábado 22 e domingo 23 de xuño dos Campionatos de España de Tríatlon por Clubs e por Remudas Mixtas, cita que supón ademais o broche á Lina Nacional de Clubs de Tríatlon.

É por iso que se espera unha altísima participación, con ao redor de 1.700 deportistas entre todos os eventos programados e que se desenvolverán na contorna da ponte dos Tirantes, cun percorrido en bicicleta por Rafael Areses, Avenida de Compostela e Alexandre Bóveda e carreira a pé subindo en dirección a Monte Porreiro, ata a Ponte das Palabras.

"Aquí se decide la Liga", avisou o director técnico da Federación Española de Tríatlon, Jorge García, e iso supón que "van a ser carreras espectaculares por lo que se juegan, con ascensos, descensos...". Especialmente apertada está a loita polo títutlo en categoría feminina con Cidade de Lugo Fluvial liderando a Primeira División con 232 puntos e o Náutico de Narón segundo con 218 puntos.

A actividade arrincará ás 11.00 horas do sábado co Campionato de España de Tríatlon por Clubs de Terceira División Feminina. Ás 12.30 horas será a quenda da carreira de Segunda División Feminina e ás 14.00 horas a de Primeira División Feminina. Pola tarde será a quenda das probas masculinas coa Terceira División ás 16.00 horas, Segunda División ás 17.30 e Primeira División ás 19.00 horas.

Pola súa banda o domingo 23 de xuño disputarase o Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas, con saída ás 9.30 horas.

A programación da fin de semana completarase co Campionato Gallego Supersprint Cadete, Xuvenil e Júnior desde as 11.30 horas e unha proba do circuíto infantil Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya (12.45 horas), en formato de Acuatlón.