Unha semana de carreira, televisión en directo con sinal internacional, 23 equipos e 168 corredoras entre as que se atopan as grandes figuras do pelotón. Así se presenta a nova edición de La Vuelta, na que estará o Farto-BTC, único equipo galego con licenza UCI Continental.
O equipo pontevedrés chega á cita máis importante da tempada con "unha ilusión tremenda e con ganas de facer ver o equipo", explica o seu mánager, Brais Dacal.
A rolda ciclista, que contará con sete etapas, comezará o luns 1 de maio cunha contrarreloxo por equipos en Torrevieja e finalizará o domingo 7 de maio coa mítica subida aos Lagos de Covadonga, que se antolla como decisiva.
"Imos competir, non só a saír. Polo menos a intención é ser protagonistas", defende con ambición Dacal, que como obxectivo márcase "se soñamos ao grande liderar unha clasificación secundaria ou ver unha ou dúas dos meus ciclistas nas escapadas principais".
Non será tarefa sinxela, e é que xunto ao Farto competirán equipos da talla do Movistar, Jumbo Visma, Team DSM, UAE, EF Education, Israel, ou Trek Segafredo, entre outros.
En canto ao percorrido "gustaríanos chegar á etapa dos Lagos con algo en xogo", pero para iso "nas etapas 2, 3 e 4 o equipo ten que correr de maneira activa", afirma o responsable do equipo sobre unha proba que supón "un escaparate incrible".