A ilusión da Copa da Raíña contaxia a Poio Pescamar e Marín Futsal

Marín
07 de decembro 2021

O Torneo do K.O. entra en escena este mércores 8 para os dous equipos pontevedreses da Primeira División, o Marín Futsal e o Poio Pescamar, cun horizonte de dúas eliminatorias a partido único que pode levarlles á fase final da competición

Partido de liga entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Partido de liga entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña / Mónica Patxot

Coñecen o resultado do sorteo desde o mes de setembro, pero houbo que esperar dous meses e medio para que chegue a estrea da Copa da Raíña de Fútbol Sala para os dous equipos da provincia que militan na máxima categoría, o Marín Futsal e o Poio Pescamar.

O Torneo do K.O. vivirá este mércores 8 de decembro a súa primeira rolda, cunha competición que aparece como a vía máis rápida para chegar a pelear por todo un título nacional.

De feito, co formato desta tempada, a Copa da Raíña comeza no cruzamento de 1/16 de final cun horizonte de dúas eliminatorias a partido único das que sairán os 8 equipos que competirán polo trofeo nunha fase final en sede única do 6 ao 8 de maio.

Os dous equipos disputarán esta rolda a domicilio, con especial dificultade para o Marín Futsal, unha das revelacións na súa estrea na máxima categoría e que lla xogará este mércores (12.00 horas) na pista do líder do Grupo I da Segunda División, o Viaxes Amarelle coruñés.

En canto ao Poio Pescamar, que vén de recuperar efectivos e a moral cunha goleada contra o Majadahonda en liga, visitará a cancha do Valdetires Ferrol (18.00 horas), que marcha na sexta praza do seu grupo na categoría de prata.

De avanzar, ambos os dous equipos afrontarán a segunda eliminatoria copeira a principio do ano, ao estar fixada para os días 8 e 9 de xaneiro.