Unha trintena de embarcacións encheron de colorido as augas da ría de Pontevedra na II Regata Ence de Cruceros durante os dous días de competición.
O porto de Combarro converteuse no epicentro das regatas, con saída e chegada nas instalacións do Club Náutico, organizador da proba.
Os barcos, dun só casco e máis de 6,49 metros de eslora, fixeron as delicias dos asistentes cun percorrido pola ría na xornada do sábado e un campo de regatas barlovento-sotavento fronte ás instalacións do club na mañá do domingo, momento en que a aparición do vento propiciou un maior espectáculo.