O agarimo e respecto que non só o baloncesto senón toda a cidade de Pontevedra sentía por Maite Méndez quedou patente na homenaxe pública que, tras o falecemento da adestradora o pasado martes, organizou o equipo da súa vida, o Club Baloncesto Arxil.
A que durante catro décadas foi a súa segunda casa, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, quedou pequena para acoller a todas as persoas que quixeron participar nun emotivo acto no que se lembrou a súa figura e a súa traxectoria deportiva e humana.
Desde un escenario presidido por un balón de baloncesto, unha cadeira coa súa camiseta e a súa inseparable lousa, ao redor do que os asistentes depositaron flores brancas, familiares e amigos de Maite quixeron despedirse dela e pediron que o seu legado siga vivo.
A mellor homenaxe "é defender o seu legado e seguir adiante", sinalou Ana Ramírez, ex xogadora do Arxil, que do mesmo xeito que outras das súas compañeiras como Natalia Soage, Marta Taboada, recoñeceu que a perda de Maite supuxo "un shock para todos".
"Déixasnos co corazón roto", destacaron todas elas, que lamentaron que o "baleiro profundo" que provocou o seu falecemento. A pesar de todo, quixeron subliñar que o seu recordo "será eterno para todos" e o propio Arxil será a súa "homenaxe permanente".
Recentemente chegadas de Zaragoza, onde "rotas por dentro" disputaron a fase de ascenso, María Lago, Cristina Díaz Pache, Marga Moreira ou a adestradora Marita Janeiro quixeron participar nesta homenaxe a unha muller que era "nai, amiga e guía para todas nós".
Sinalaron que Maite Méndez "inculcounos a súa paixón e conseguiu que fora nosa" e lembraron que "non te rendiches nin nos momentos máis difíciles". Elas seguiron o seu exemplo nestes últimos días "coa coraxe e o esforzo que nos ensinaches porque cho debiamos".
"Sempre no teu equipo, xefa", afirmaron ao unísono, abrazadas e envoltas en bágoas.
Entre as persoas que quixeron tomar a palabra estiveron o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa; a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar; ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este último asegurou que "nos deixou unha muller que era un referente do deporte", pero mostrouse convencido de que a pegada que deixou atrás "será unha semente que fará que o club siga adiante aínda que ela non estea".
A parte máis emotiva da homenaxe chegou coas intervencións de Ana, Luis e Suso, os irmáns de Maite, do seu marido Lino Vázquez e das súas fillas, Aldara e Mariña Vázquez, que subliñaron que "seguirá nas nosas vidas porque a herdanza que nos deixa non se pode valorar".
"Estou moi feliz de como respondeu Pontevedra con Maite e co equipo. Iso é impagable", sentenciou Lino Vázquez, mentres que as súas fillas sostiveron que "fuches a mellor nai que calquera podería ter". Afirmaron que "a partir de agora, todo vai por ti".
O peche desta homenaxe correu a cargo do coro Luis García Limeses, que interpretou a canción "Imos a cambiar o mundo", creada por Fina Casalderrey e Néstor Blanco.