Carlos Prado Pampín, xornalista e realizador de Marín, iniciou estes días a rodaxe do seu novo traballo audiovisual, un documental sobre a vida do boxeador marinense Aarón González.
O púxil, veciño de Mogor, sufriu un atropelo aos 10 anos que a piques estivo de deixarlle en cadeira de rodas e que lle provocou unha longa e dura recuperación con anos de operacións e estancias no hospital. Deixado ese calvario atrás como un mal recordo, Aarón converteuse agora en todo un exemplo de tenacidade e capacidade de superación, chegando a proclamarse campión de España de boxeo olímpico.
Trátase de "unha historia de superación persoal, de esforzo por saír adiante, e finalmente, de éxito, porque Aarón non só é campión de España de boxeo, tamén é unha gran persoa que agora axuda aos demais a superar as súas limitacións coa súa escola de boxeo e co exemplo que dá", sinala Carlos Prado, que coñece a súa historia desde pequeno.
"Aínda teño gravado o momento no que a miña nai entrou na casa gritando e dicindo que acababan de atropelar un neno na parada de autobús. Ese era Aarón. Puxéronseme os pelos de punta porque eu, moitas veces, tamén collía o autobús para o colexio nesa mesma parada", relata Prado.
Neste documental, a nai de Aarón, Rosa, tamén terá un papel destacado porque "loitou contra vento e marea", asegura o realizador, para axudar ao seu fillo, e segundo defende "é unha nai coraxe e a súa historia de loita merece ser contada".
Prado, que compaxina este proxecto co seu traballo na canle de televisión La Sexta, impulsa o documental co apoio da produtora marinense 'Trece Amarillo', formada por tres novos da vila.
A primeira xornada de rodaxe produciuse o pasado sábado 16 de marzo durante a II Copa Galicia de Boxeo, e continuará nos próximos meses en localizacións como a parroquia de Mogor, a praia ou os petróglifos, ademais doutros lugares do municipio como o centro urbano ou o pavillón da Cañota.