A Gran Final das Series Mundiais, un evento "descomunal" cun retorno "igual de 5 ou 6 millóns de euros"

Pontevedra
02 de decembro 2021

O máximo responsable do Sevizo Municipal de Deportes, Jaime  Agulló, analiza con PontevedraViva o que supón para a cidade e tamén a nivel persoal lograr a concesión como sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2023, algo que hai só uns anos, recoñece, era "unha utopía"

Jaime Agulló, responsable do Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra
Jaime Agulló, responsable do Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra / Mónica Patxot

Non afai poñerse no foco. O seu é máis ben traballar na sombra, pero sen o seu labor á fronte do Servizo Municipal de Deportes (antes IMD) Pontevedra non se tería consolidado como cidade de grandes eventos deportivos ata chegar á guinda que supoñerá en 2023 acoller a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon. Tras esta designación en PontevedraViva charlamos con Jaime Agulló sobre unha competición que colocará á Boa Vila no radar de afeccionados e deportistas dos cinco continentes.

- A Gran Final é o culmen a un proxecto iniciado hai case 15 anos e polo cal se foron queimando etapas con campionatos de España, de Europa, o Mundial de Tríatlon ou o ITU Multisport, entre outros?

Para min máis que un broche de ouro, era unha utopía no ano 2008 que agora se converte en realidade. Nin se pasaba pola cabeza, dubidaba mesmo que en España, en Madrid ou Barcelona, chegásemos a ter algunha vez unha Gran Final, e que sexa en Pontevedra... A magnitude deste evento descomunal. Tivemos o Mundial de dúatlon ou o Multisport, que foi unha festa deportiva dunhas magnitudes enormes, pero deportivamente digamos que era unha competición menor. Aquí estamos a falar da competición máis importante nunha das modalidades deportivas que nos últimos anos tivo máis tirón en España.

- Falamos dunha repercusión importante, con afluencia de afeccionados, televisión en directo en multitude de países...

A magnitude que ten vai ligado a todo iso. Ao Multisport, ao Campionato de Europa, ao Mundial de Dúatlon eu creo a velo non se desprazou practicamente ninguén, quen o fixo era porque viña acompañar aos que participaban, pero claro a Gran Final, desprázaste a vela, é o gran evento. Desde España fomos a Londres a vela por exemplo. A repercusión é dunhas magnitudes que nos ten un pouco descontrolados.

- Se vemos a lista de cidades que acolleron a Gran Final (Londres, Budapest, Pequín, Auckland, Chicago,Gold Coast, Lausana, Edmonton xunto a Abu Dhabi en 2022) igual podemos empezar a facernos unha idea?

Ves a poboación, a magnitude e a capitalidade que teñen esas cidades, pensarías que en España sería en Madrid ou Barcelona, non se pasaba pola cabeza que fose ningún outro sitio. Hai un exemplo, cando foi a Gran Final en Londres os Brownlee tiñan moito tirón como Javi (Gómez Noya) ten para Pontevedra, e conseguiron que as Series Mundiais fosen en Leeds que é a súa cidade natal, pero a Gran Final foi para Londres.

- En 2014 falabamos tras o Mundial de Dúatlon e vías imposible unha Serie Mundial. Que cambiou? Quizais a experiencia vivida no Multisport?

Efectivamente, estabamos nun evento cunha gran repercusión deportiva pero que era moi controlado. As Series Mundiais, que son a nena bonita da ITU, daban moita impresión, pero claro o Multisport foi algo tremendo con dúas semanas de competición que nos tiveron un ano e medio ás toas traballando e púxonos noutra situación, abriunos os ollos a outra realidade que ata aquel momento non tiñas en conta.

- Foi aí onde se empezou a fraguar a candidatura?

Aí naceu. A relación coa Federación Española e coa Internacional é moi boa, e no Multisport foi cando se dixo, e agora que? Á Federación díxenlles que despois do Multisport non podiamos ir para atrás, e organizabamos outro Multisport ou só nos quedaba a Gran Final. Quedaron sorprendidos.

"Estamos a falar da competición máis importante nunha das modalidades deportivas que nos últimos anos tivo máis tirón en España"

- Influíron aspectos como os mundiais gañados por Gómez Noya e Mario Mola ou o feito de que a española Marisol Casado afronte a súa última lexislatura á fronte da ITU?

Cando se fixo a formulación non se tiña en conta eses parámetros, pero a medida que fomos falando esa posibilidade, empezamos a madurar e a meter no cesto eses factores.

- Como de importante é para a cidade ter grandes referentes locais como Javi Gómez Noya, Pablo Dapena, Saleta Castro ou mesmo outros vinculados por proximidade como Antonio Serrat ou Susana Rodríguez?

É importantísimo porque ademais son deportistas que sempre se envorcaron coa cidade alá onde foron. Que uns triatletas cunha experiencia internacional tan dilatada manifesten constantemente que en Pontevedra organízanse eventos moi ben e ademais é unha cidade que como cidadáns envórcase con eles, iso ten un valor enorme.

- Teño entendido que o apoio no comité da ITU á hora de decidirse por Pontevedra foi unánime. Esperábalo?

Deixoume un pouco descolocado, porque sempre hai algunha debilidade. Foi unha presentación como estamos afeitos, con moito agarimo e preparada, pero o máis sorprendente é que a xente estaba súper receptiva e na post presentación houbo unha única pregunta que foi moi positiva, preguntaba se Pontevedra fose a candidata que competición internacional iamos ter en 2022. A partir de aí non houbo máis preguntas, que podes valoralo negativamente, pero eu valoreino moi positivamente e así o dixen.

- Esa competición internacional para 2022 que acollería Pontevedra está xa pechada?

Non, imos tentar que sexa unha competición para cubrir o trámite, porque o ano que vén tamén temos competicións de loita, temos ciclocrós… tampouco nos podemos meter nunha competición que tanto en recursos económicos como humanos nos supere. Agora están a ver no calendario cal podería encaixar. 

"Hai unha cuestión que nos vai a dar un certo traballo, que vai ser o tema dos circuítos. Para o Multisport xa tentaron que o núcleo central da competición, é dicir a chegada, fose no centro da cidade"

- Falando de traballo, que supón este reto a nivel organizativo? Imaxino que con tal nivel de repercusión buscarase lucir a cidade con circuítos que pasarán polo centro urbano.

É unha competición que impón porque é a nena bonita dunha federación internacional e vas estar como moi auditado. Si hai unha cuestión que nos vai a dar un certo traballo, que vai ser o tema dos circuítos. Para o Multisport xa tentaron que o núcleo central da competición, é dicir a chegada, fose no centro da cidade. Barallábanse varias opcións, e estrañaríame moitísimo que non nos viñesen a saco con esa cuestión.

- Falamos da Praza de España?

Falamos de algo así, pola miña cabeza só pasa Praza de España por dimensións, porque date conta que unha chegada dunha Gran Final conleva moita loxística tanto para a chegada como para a post-meta, desde infinidade de contenedores para traballos de secretaría, loxística, atletas. Entón a Praza de España é un espazo que é moi bonito, é grande para permitir ter bancadas que por normativa telas que ter, co paseo Montero Ríos e Alameda permíteche ter unha certa folgura para toda a infraestrutura que tes que montar. Estrañaríame moito que o cabalo de batalla deste evento non fose ese porque xa o tentaron.

- Para todo iso, un orzamento que o alcalde cifrou en ao redor de dous millóns de euros.

Falar de orzamento a estas alturas pola miña banda é unha aventura, pero temos as referencias do Multisport. Non creo que vaia a chegar aos dous millóns pero aínda que chegase porque o evento requíreo ou o necesita, pensa que os retornos directos e indirectos dun evento como este estamos a falar de 5 ou 6 millóns de euros, á parte da repercusión que ten a cidade, que é un  imponderable que non podes calcular na difusión turística.

- E a todo ese traballo hai que sumarlle que Pontevedra non para, e xa conta con outros eventos internacionais concedido e candidaturas presentadas como a do Europeo de Ciclocrós ou o Mundial e Europeo de Loitas Olímpicas. Hai forzas para tanto?

Pontevedra decidiu, eu creo que acertadamente, tomar como un dos obxectivos de desenvolvemento da cidade os eventos deportivos como pantalla turística e pantalla de calidade de cidade, e eu creo que non se pode parar. Ademais entre outras cousas porque xa estás na roda e ás veces xa che chaman directamente.