A Gran Final das Series Mundiais en Pontevedra xa ten datas: do 20 ao 24 de setembro de 2023

Pontevedra
01 de agosto 2022

A Federación Internacional de Tríatlon (World Triathlon) confirmou este luns cales serán as datas denifitivas da Gran Final que acollerá Pontevedra en 2023

Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra
Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra / Cristina Saiz

A Federación Internacional de Tríatlon (World Triathlon) confirmou este luns cales serán as datas denifitivas do que será o maior evento deportivo organizado nunca en Pontevedra, a Gran Final das Series Mundiais 2023.

O gran evento do tríatlon olímpico mundial celebrarase finalmente entre os días 20 e 24 de setembro do próximo ano.

Cabe destacar que na cita, ademais de decidirse os campións do Mundo elite, disputaranse os mundiais Sub-23, de Paratriatlón e de Grupos de Idade, tanto en distancia supersprint como estándar, e tamén o Campionato do Mundo de Aquabike por Grupos de Idade.

"Estamos a falar duns 5.000 deportistas e de máis de 10.000 persoas que se van a achegar a Pontevedra", confirmou recentemente o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, na constitución do comité organizador.

A Gran Final das Series Mundiais é a competición estrela da World Triathlon, disputándose previamente en cidades como Londres, Budapest, Beijing, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausanne e Edmonton, nómina á que se sumará este ano 2022 Abu Dhabi.

Aínda que o calendario completo para eses días, do 20 ao 24 de setembro, darase a coñecer proximamente segundo anuncia a Federación, os preparativos para a cita levan a cabo a pleno rendemento, especialmente tras a celebración da recente proba da Copa do Mundo que serviu para testar tanto o circuíto que se usará en 2023 como aspectos relacionados coa organización.