A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon pon o cartel de completo nos hoteis da comarca a 10 meses vista

Pontevedra
23 de novembro 2022

A Federación Española de Tríatlon confirma que a cidade de Pontevedra ten xa ocupadas o 100% das súas prazas hostaleiras, do mesmo xeito que sucede en boa parte da comarca, coincidindo coas datas nas que se celebrará o evento. Unha delegación pontevedresa atópase estes días en Abu Dhabi para recoller a testemuña de man da Federación Internacional (World Triathlon) e participar nunha reunión do comité organizador

Delegación pontevedresa en Abu Dhabi para recoller a testemuña da organización das Series Mundiais de Tríatlon
Delegación pontevedresa en Abu Dhabi para recoller a testemuña da organización das Series Mundiais de Tríatlon / Federación Española de Triatlón

Faltan exactamente 10 meses para que Pontevedra goce do que será o máximo evento deportivo da súa historia, coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, pero os seus efectos nótanse xa na cidade.

Segundo confirma a Federación Española de Tríatlon a cidade de Pontevedra ten xa ocupadas o 100% das súas prazas hostaleiras coincidindo coas datas do evento (20-24 de setembro), do mesmo xeito que sucede en boa parte da comarca, en especial no Salnés.

"É un evento que está a xerar unha expectativa tremenda, así nolo fan chegar os deportistas, e é que coincide un ano antes das Olimpíadas, polo que será un escaparate ideal; contaremos cos mellores triatletas do mundo", explica o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que encabeza estes días a delegación pontevedresa que recollerá en Abu Dhabi a testemuña da Gran Final das Series Mundiais coa proba que pon fin á presente tempada.

Aproveitando a ocasión, no emirato árabe celebrouse este mércores unha reunión do Comité Organizador de Pontevedra 2023, con representantes das federacións internacional (World Triathlon) e Española, así como o propio alcalde, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e un técnico municipal.

"Estamos aquí para aprender, tanto das boas experiencias como das que poidamos entender como non tan boas, pois de todo se aprende", explica Lores avanzando que "recolleremos a bandeira para a vindeiro campionato e participaremos en diversos encontros de traballo para poder ir concretando e pechando a nosa cita".

Entre as decisións adoptadas polo Comité Organizador neste encontro está a designación de Peinador como aeroporto oficial da Gran Final 2023, o que se traducirá eses días nunha conexión directa coa Boa Vila para todos os participantes que alí aterren. De todos os xeitos, explica o alcalde, isto "non significa que a xente non poida chegar por outras vías, claro, pero en todo o caso, este será o aeroporto escollido, ao ser o aeroporto da provincia de Pontevedra, o que teña os transportes gratuítos para os triatletas inscritos e os seus equipos que se acheguen a Pontevedra".

Fernández Lores lembrou ademais que unha vez finalice a Gran Final das Series Mundiais de Abu Dhabi está prevista unha nova reunión do Comité Organizador para seguir pechando detalles dun evento que pretende reunir o próximo ano na cidade máis de 4.000 triatletas.