Este mércores 19 de abril, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedrae Miguel Balea, representante da coordinación da oficina de voluntariado, anunciaron a campaña de captación de voluntariadopara as Series Mundiais de tríatlon, que se celebrará en Pontevedra en setembro deste ano.
Lores comentou que esta campaña é unha "peza fundamental" para que este campionato sexa un éxito.
Balea indicou que a organización solicita un total 544 colaboracións de voluntariado de todas as áreas da organización Internacional como da Federación Española do campionato.
O alcalde, pola súa banda, afirmaba que o persoal de apoio realizará actividades relacionadas con "secretaría, acreditacións, apoio a direción da carreira, protocolo, cerimonias, comunicación e prensa e loxística".
Este persoal é independente dos colaboradores que se dediquen á seguridade, xa que teñen unha formación diferente, comentaba o rexedor, que insistía en que "os voluntarios son as primeiras persoas que reciben e teñen relación directa cos deportistas".
O requisito para poder exercer como voluntario é ser maior de 16 anos e, no caso de ser menor de idade, un titor legal deberá cubrir unha autorización conforme pode asistir.
O representante da coordinación da oficina de voluntariado enunciaba os grupos e organizacións que se implican no evento: "as institucións públicas: a Brilat, a Escola Naval, o centro penal da Lama; asociacións de tipo social como Síndrome de Down, como Xuntos; asociacións culturais; asociacións de veciños; a Universidade de Vigo, a Escola Oficial de Idiomas", recalca Balea.
Tamén colabora "a comarca e os nosos veciños portugueses, que xa estiveron en 2019 e imos tentar contar con eles outra vez, co Instituto Português do Desporto e Juventude", informa Miguel Balea, xa que no evento de Multisport de 2019 viñeron 50 voluntarios de Portugal.
O representante da coordinación da oficina de voluntariado comenta tamén que se organizará ao persoal de apoio tendo en conta os seus horarios.
A estes asignaránselle unhas quendas segundo as súas peticións e "se intentará que vaian ás áreas que queren: de secretaría, de prensa, de gardarroupa... Dámoslle a posibilidade de solicitar onde queren estar, con quen queren estar e a partir de aí dámoslle a súa quenda de colaboración", explica Balea.
O comisionado da oficina de voluntariado expón que se esixirán dúas quendas nos 4 ou 5 días."Cada voluntario terá a súa quenda de colaboración co seu día, hora, lugar, e co seu xefe de sector que o levará ao seu sitio".
Tamén se cubrirán "os gastos de desprazamento para ir ao lugar de colaboración como son: a manutención, o equipamento; así como todo tipo de necesidades para realizar a súa función: materiais; seguro de RC e accidentes e un certificado de colaboración".
Ademais poderán participar en todas as accións paralelas que haberá durante o evento: "o Desfile de Nacións, algún concerto, algunha festa", destaca Balea.
Lores expón que será complicado mellorar a organización do ITU MultiSport de 2019, pero destaca que "Pontevedra é un referente mundial no triatlón" e que o que poderán mellorar para esta proba é a comunicación co sector hostaleiro, xa que houbo 'overbooking' no evento de 2019. O alcalde propoñeralle que teñan tres sesións de comidas e ceas e que ofrezan cartas nos máximos idiomas posible, tendo en conta que é un campionato ao que veñen moitas persoas de diferentes países.
Os interesados en colaborar nesta experiencia poderán anotarse a través desta páxina web.