Un incendio "100% intencionado" calcinara o pasado xoves 23 de maio o material que ía ser usado na montaxe da Gladiator Race, pero tras un duro traballo e moitas horas dedicadas para que todo estivese a punto, a proba celebrouse con total normalidade no seu habitual lugar: a Illa das Esculturas.
Ata alí acudiron un total de 1.650 participantes dispostos a superarse a si mesmos e os complicados obstáculos que tiñan por diante e que tiveron que superar correndo, reptando, saltando e mesmo nadando.
A actividade comezou ás 16.00 horas na Illa das Esculturas con saídas graduadas dos participantes da categoría Rocket (6 quilómetros e 32 obstáculos) e da Warrior (10 quilómetros e 40 obstáculos) ata finalizar ao redor das 21:00 horas.
O bo tempo acompañou durante a celebración da proba e foron moitos os curiosos os que se achegaron ás inmediacións da zona para presenciar o espectáculo de resistencia dos valentes participantes.
En canto ao percorrido, dirixíronse pola marxe do Lérez cara a Ponte das Palabras, pasaron o parque do miradoiro de Monte Porreiro, baixaron cara á praia fluvial, ao parque Tafisa e regresaron cara á Illa das Esculturas, sorteando todo tipo de obstáculos que consistiron en escalar paredes, saltar por encima de tubos, rubir por cordas ou redes ou cruzar o río correndo sobre inestables colchóns. Faltaba, a diferenza doutros anos, o 'Mont Blanc', queimado no incendio e que, por cuestión de tempo, foi imposible volver construílo.
O evento péchase este domingo coa carreira dos máis pequenos e os seus familiares na modalidade Kids. Participarán un total de 340 persoas.