Despois de dous anos de parón debido á pandemia, Pontevedra recupera unha cita deportiva que se consolidou no seu calendario deportivo, a Gladiator Race.
A Illa das Esculturas acollerá o vindeiro sábado 4 de xuño a sétima edición do evento, que conta con máis de 1.300 deportistas rexistrados entre a súa versión 'Rocket' (6 quilómetros e 31 obstáculos) e a Warrior (11 quilómetros e 41 obstáculos), ao que se sumarán máis de 300 nenos e nenas o domingo día 5 na 'Gladiator Kids'.
"Estamos sorprendidos coa aceptación", recoñeceu na presentación da proba o responsable da organización Serafín Martínez, e é que tras o parón obrigado tiñan dúbidas sobre se os deportistas ían responder. Claro que "non atopamos un sitio mellor en Galicia e en España para facer esta proba", defendeu.
Todo co seu espírito habitual, porque "o 10% dos participantes vén a competir pero o resto faino para pasalo ben", asegura Martínez.
En total, segundo asegurouse nunha presentación que contou coa presenza do alcalde e do edil de Deportes, competirán na Gladiator Race deportistas de 20 provincias españolas, cun 38% de presenza feminina.
A actividade na Illa das Esculturas, con saídas graduadas, dará comezo ás 16.00 horas da tarde.