SEGOVIA: Servizo especial para Pontevedraviva. Texto de Sergio Perela e Fotos de Marta Herrero (El Adelantado de Segovia).
Pintan bastos para o Pontevedra. Tres derrotas nos tres primeiros partidos oficiais disputados neste curso ligueiro, dous delas fronte a equipos recentemente ascendidos. Apeados da Copa do Rei, torneo no que a afección granate puxera moita ilusión, ao primeiro de vez, e o que é peor, dando unha lamentable imaxe de equipo sen recursos nin ambición.
A Gimnástica Segoviana foi mellor exclusivamente porque quixo selo, porque saíu ao campo máis motivada, con ilusión por agradar aos seus e ofrecerlles algo importante fronte a un rival de nome que en La Albuera deixou boa parte do seu suposto prestixio polos chans, especialmente nunha primeira metade incalificable, na que os de Luisito deambularon polo cesped sen orde nin concerto, a mercé dun rival limitado, pero con fame futbolística.
Non serven escusas. É pronto, si, pero tamén o é para os rivais que, neste momento, semellan estar moi por encima dos galegos en preparación e en actitude sobre o campo. E se a lóxica conxunción a que obriga o elevado número de cambios rexistrados no equipo pode ser unha das claves, o certo é que algún responsable haberá das altas e baixas rexistradas, que actualmente parecen estar moi lonxe de mellorar o que había a pasada tempada, sen contar coa pretemporada realizada, curta e aparentemente destinada a disfrazar con resultados positivos fronte a equipos inferiores, a triste realidade que está a poñer de manifesto a competición oficial.
Na primeira parte, salvo un primeiro susto inicial para a parroquia segoviana que terminou cun remate de Etxániz alto, o xogo tivo un dominador claro nunha Gimnástica que movía o balón de lado a lado, facendo que o Pontevedra perseguise pantasmas.
Nin presión á saída de balón, nin agresividade, nin por suposto perigo algún. Ese foi un Pontevedra sorprendido no minuto 20 nunha xogada entre Guille e Dani Arribas, que a colga para que Ayrton remate de cabeza no segundo pau.
O mellor para os visitantes foi que chegase o descanso, pero a segunda parte apenas mellorou a decoración. Aínda que cos dous cambios o Pontevedra saíu un pouco máis agresivo, o seu fútbol foi máis aparente que real, con excesivo fútbol directo, buscando a Etxániz e cun Prosi tentando levar a batuta. Mentres, os locais esperaban a súa ocasión para sentenciar e atopárono primeiro cun disparo de Dani Arribas que Anxo manda a corner e unha vez máis desde a esquina volveron os problemas en forma de penalti cometido por Anxo sobre Ayrton, despois de que o seu defensa fose incapaz de despexar. Dani Calleja transformaba e sentenciaba a eliminatoria.
Quedaba case media hora, pero salvo as ganas de David Añón e un disparo de Prosi ao traveseiro, o Pontevedra pouco fixo para tentar reducir diferenzas, dando sensación de impotencia, impropia dun equipo do que se esperaba moito máis, dada a súa clasificación da pasada tempada e ao que unha Gimnástica con cinco cambios sobre o seu once titular superou en toda liña e con relativa comodidade.
GIMNÁSTICA SEGOVIANA (2): Pablo; Guille, Rubén, Chema, Javi Marcos, Manu, Dani Arribas (Kike, minuto 66), Fernán, Ayrton, Dani Calleja (Quino, minuto 82) e Alberto Leira (Asier Arranz, minuto 73).
PONTEVEDRA CF (0): Anxo; Goldar, David Castro, Mongil, Bruno, Álex Fernández (Adrián León, minuto 46), Marcos Álvarez (David Añón, minuto 46), Carlos Ramos, Etxániz (Iván Martín, minuto 67), Prosi e Álex González.
Árbitro: Alberto Fuente Martín (Cantabria), auxiliado nas bandas por Alejandro García García e Alejandro Valero Alonso. Amoesto a Quino, na Gimnástica e a Adrián León, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 20: Ayrton. (2-0) Minuto 64: Dani Calleja, de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de La Albuera (Segovia). Primeira eliminatoria (partido único) da Copa de SM El Rey. 1.940 espectadores.