O debut ligueiro está cada vez máis preto para o Pontevedra, que o vindeiro domingo 3 de setembro recibirá en Pasarón á Real Sociedad Gimnástica de Torrelavega, pero que poden esperar os granates do que será o seu primeiro rival?
Polo de súpeto o conxunto cántabro, a pesar de asegurar contar cun dos orzamentos máis humildes da categoría, é un equipo sen complexos. Así o demostrou a pasada campaña, regresando tras varios anos a Segunda RFEF e sendo unha das revelacións do campionato rozando a clasificación para a fase de ascenso. A Gimnástica foi finalmente oitava con 51 puntos, a tres do play-off.
Aos mandos do equipo de 'El Malecón' segue Sergio Fernández 'Sesi', un técnico de 39 anos que aterrou no club mediada a campaña 21/22 en Terceira RFEF (no mes de febreiro co equipo líder) consumando o salto de categoría e logrando consolidarse na Segunda Federación o pasado curso.
Trátase da súa primeira gran oportunidade nos bancos españois, pero 'Sesi' conta con experiencia acumulada a nivel internacional tras traballar en China ou Marrocos, ademais de ter pasado polas categorías inferiores do Racing de Santander.
Despois do bo papel do último ano, o groso do plantel dos de Torrelavega continúa no club, aínda que sumaron sete novas incorporacións buscando dar unha maior solidez ao proxecto. Así aterraron os defensores Varo Álvarez (Toledo), Chus Puras (Toledo) e Rasines (Xerez Deportivo), os centrocampistas Lavsamba (Langreo) e Marquitos (Tropezo) e dous futbolistas ofensivos como Adri Pérez (Palencia Cristo Atlético) e Sergio Pelayo (Vilmenor).
En canto á súa preparación, a Gimnástica chegará ao Estadio Municipal de Pasarón despois dun verán no que afrontou ata sesis compromisos amigables, ningún ante equipos de superior categoría pero si con algún que outro test con rivais de Segunda RFEF. Estas probas saldáronse con triunfo fronte ao Bilbao Athletic (2-1) e empate co Real Oviedo Vetusta (1-1). Ademais cederon unha derrota contra o Tropezón de Terceira RFEF (2-1), un empate contra o Palencia Cristo de Terceira RFEF (0-0) e venceron a dous equipos de Preferente como a SD Barreda (0-6) e o EMD Santillana (0-5).