A Gimnástica cede o cetro autonómico ao Celta

Pontevedra
24 de abril 2023

O club pontevedrés non puido reter os títulos autonómicos logrados hai un ano finalizando en segunda posición un Campionato Xunta de Galicia dominado polo Celta, tanto na categoría masculina como feminina

Podio feminino do Campionato Xunta de Galicia de Clubs de atletismo
Podio feminino do Campionato Xunta de Galicia de Clubs de atletismo / Federación Galega de Atletismo

O Real Club Celta arrebatou á Sociedade Gimnástica de Pontevedra o seu cetro autonómico, ao impoñerse no Campionato Xunta de Galicia de Clubs celebrado en Santiago de Compostela.

Se hai un ano os pontevedreses lograron vencer tanto na categoría masculina como feminina, neste caso foi o Celta o vencedor nas dúas categorías, secundado pola propia Gimnástica.

Na competición masculina o Celta finalizou con 138 puntos polos 110 da Gimnástica e os 108 do Ourense Atletismo, mentres que na feminina o Celta atesourou 141 puntos, a Gimnástica 119 e o Atletismo Santiago 115.

A nivel individual destacaron para os da Boa Vila, con triunfos parciais: Sergio Rodriguez (200 metros), David De la Fuente (400 metros), Pablo Bocelo (1.500), Carlos Porto (3.000), Alejandro Villaverde (pértega), Jonathan Correa (xavelina) e Lucia Ferrer (100 valos).