O Poio Pescamar afronta este sábado o último partido da liga regular coa loita por clasificarse no playoff polo título máis aberta que nunca. Por unha banda Futsi Atlético e Burela dispútanse nun duelo directo o título de campioas da liga regular, mentres que Poio Pescamar, Roldán e Alcorcón repartiranse os dous postos restantes da final a catro que decidirá o campionato.
As vermellas enfróntanse ao Alcorcón na Seca a partir das 18.30 horas e o empate chégalles para meterse na pelexa polo título. Máis fácil terao o Roldán, o conxunto murciano recibe ao Móstoles, que non se xoga nada, polo que non venderán demasiado cara a súa pel.
Por tanto, as de Manu Cossío deberán empregarse a fondo para evitar que as amarelas as sorprendan. A calor da bancada, a calidade, o bo momento de forma e o alivio ao coñecer que a lesión de Antía non reviste gravidade serán estímulos suficientes para facer historia e clasificarse por primeira vez na historia para a final four.
O transcendental partido poderá seguirse en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.