A festa dos campións queda rubricada con triunfo do Teucro sobre Handbol Bordils (26-20)

Pontevedra
13 de maio 2017

Foi a merecida festa dun ascenso á máxima categoría que sabe a gloria a afección, xogadores e club. O Teucro despediu a tempada do seu retorno á liga Asobal cunha tarde-noite para o recordo. Os seguidores teucristas recibiron ao conxunto catalán cunha pechada ovación, agradecendo a súa vitoria sobre Palma del Río na xornada anterior, que fixo posible a consecución anticipada do título, e estes fixeron o protocolario corredor de honra aos campións

O Teucro celebra o título de liga e o ascenso a Asobal no Municipal
O Teucro celebra o título de liga e o ascenso a Asobal no Municipal / Alba Sotelo

Foi a merecida festa dun ascenso á máxima categoría que sabe a gloria a afección, xogadores e club. O Teucro despediu a tempada do seu retorno á liga Asobal cunha tarde-noite para o recordo. Os seguidores teucristas recibiron ao conxunto catalán cunha pechada ovación, agradecendo a súa vitoria sobre Palma del Río na xornada anterior, que fixo posible a consecución anticipada do título, e estes fixeron o protocolario corredor de honra aos campións.

Ninguén o quixo perder e houbo actos para que nada faltase, antes e á conclusión do partido. O que pasou no medio, é dicir o propio partido, foi unha constante celebración, na que todo se daba por bo, porque despois de tantas xornadas de sufrimento xusto era poder asistir a 60 minutos de xogo lonxe de tensións ou preocupacións.

E a iso entregáronse ambos os equipos, a gozar. Os teucristas do seu ascenso e os cataláns dunha permanencia que para eles equivale case ao mesmo. Iso si, ningún regalou nada, pero a lóxica que separa a ambos na clasificación terminou por impoñerse e o Teucro despediuse da División de Honra Prata cun agradable sabor de boca.

Pouco máis se pode dicir dun partido no que os únicos que desentonaron foron os compoñentes da parella arbitral, lonxe do nivel esixible para esta categoría e que se non tiveron grandes problemas foi porque a ocasión non estaba para conflitos nin para enturbar o festexo.

O Teucro puido romper o partido xa moi pronto cando se escapou de tres (8-5), pero a falta de tensión e continuidade nas súas accións permitiron aos cataláns neutralizar e chegar ao descanso só un gol por baixo (12-11).

Lloria suplira co seu bo facer baixo paus os numerosos erros tanto defensivos como de ataque, consecuencia do pouco que estaba en xogo e os comezos da segunda parte non melloraron o decorado. Os cataláns mesmo se permitiron levar a iniciativa con mínimas vantaxes, fronte a un Teucro que xogaba a impulsos pero non defendía e o rosario de cambios non axudaba demasiado.

Ata que Quique Domínguez pediu tempo morto (17-18). Quedaban 18 minutos. Quintas empataba e Dani Hernández devolvía a vantaxe ao bando local. Nin sequera a parella arbitral, que recibiu os únicos asubíos da noite cando excluíron ao técnico azul encadeando erro tras erro, puideron impedir que un Teucro decidido por fin a defender fose conquistar un triunfo co que premiar á súa afección nesta despedida ligueira. Tremendo parcial de 9-1, cos visitantes anotando un só gol en 17 minutos, e asunto resolto.

A próxima parada realizaraa o club teucrista na máxima categoría do balonmán español.

SD TEUCRO (26): García Lloria; Quintas (2), Iván Fernández (3), Román Pedreira (2), Sergio Altirriba (1), Dani Hernández (4, 2 de penalti), Iglesias (6) -sete inicial-, Javi Santana (p.s.); García Pichel, Óscar Silva (1), Borja Méndez (1), Samu Gómez (1), Carlos García (5, 3 de penalyi), Saúl Campo, José Manuel Rial e Alberto Garrido.

HANDBOL BORDILS (20): Jordi González; Farreróns (1), Sergi Mach (1), Marc Prat (4), Dalmau (5), Jairo Montes (2), Josep Reixach (3, 2 de penalti) -sete inicial-, David Mach (p.s.); Francesc Reixach, Arnau Palahí (3), David Maso, Joan Vilanova, Ignacio Moreno (1), Ferrán Pon e Mario Martínez.

Árbitros: Bernardino Fernández García e Raúl Rodríguez Díaz (Madrid). Excluíron dous minutos a Quintas (2), José Manuel Rial (2), García Pichel, Román Pedreira e ao adestrador Quique Domínguez, polo Teucro, e a Sergi Mach, Ferrán Pon e Marc Prat, por Handbol Bordils.

Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 3-4, 6-5, 8-6, 10-9, 12-11 (descanso), 14-13, 17-17, 18-18, 21-19, 25-19 e 26-20 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores. O club instalou unha carpa no acceso ao Pavillón na que todos os seguidores con entrada ou abono foron convidados a refrescos, cervexa, bocadillos, ademais de empanada e bica da panadería A Devesa. A carpa estivo aberta desde as 19:00 horas ata o comezo do partido, ás 20:30 horas. Posteriormente, á conclusión do partido, tivo lugar un vistoso acto iluminando todo o recinto coa cor azul do club, para dar paso á proxección dun vídeo no que se recollían os mellores momentos da tempada.

Tras a devandita proxección, os xogadores foron saltando á pista para recoller a medalla de campións, o mesmo que o corpo técnico, dirixíndose ao público en nome de todos o capitán Carlos García, o adestrador, Quique Domínguez e o presidente Carlos García Alén, para finalizar coa entrega da copa de campións, que en nome da Federación Española de Balonmán realizaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro.