A Federación obriga á EP Cidade de Pontevedra a pagar polos gastos de asistencia de dúas padexeiras ao Mundial

Pontevedra
07 de febreiro 2017

O organismo federativo esixe ao club pontevedrés o pago de 4.842 euros por gastos derivados da asistencia de dúas das súas deportistas ao Campionato do Mundo Junior e Sub-23 de piragüismo. O Ciudad de Pontevedra, indignado, recoñece que "é un duro golpe para nós porque non sabemos como facerlle fronte"

Jenifer Casal, na proba de C-1 200 na Copa de España
Jenifer Casal, na proba de C-1 200 na Copa de España

A Real Federación Española de Piragüismo colocou entre a espada e a parede á Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, ao reclamarlle o pago de varias facturas derivadas da asistencia de dúas das súas deportistas ao pasado Campionato do Mundo Junior e Sub-23.

En concreto, o organismo federativo esixe o pago de 4.842 euros en concepto de gastos pola participación de Jenifer Casal e Antía Jacomé na citada competición internacional, celebrada en Minsk (Bielorrusia). Na mesma tomaron parte deportistas doutros clubs da provincia, aos que tamén se lles reclaman diversas cantidades, e tamén galegos, chegando algún como o Náutico Boiro a declararse en rebeldía ante a esixencia deste pago.

No caso que incumbe ao club pontevedrés o seu presidente, Óscar Ponte, asegura que "é un duro golpe para nós porque non sabemos como facerlle fronte", xa que a entidade non dispón actualmente de liquidez á espera de recibir unha subvención da Deputación.

"Esperabamos ter que pagar só pola viaxe do noso adestrador, que acudiu como convidado", explicou Ponte.

A cantidade reclamada debe ser abonada nunha única transferencia, sen posibilidade de fraccionar o pago. Ademais, non satisfacer a débeda acarrexaría graves consecuencias para o club pontevedrés, xa que lle impediría competir esta tempada nos campionatos nacionais.