Era unha nova coa que se contaba tras a recente expedición pontevedresa a Belgrado con motivo do Mundial Sub-23 e a asemblea da United World Wrestling (UVW), pero ata este mércores non se converteu en oficial.
Pontevedra será a sede no ano 2024 do Campionato do Mundo Júnior (U20) de Loitas Olímpicas. Así llo confirmou por carta ao Concello a federación internacional, nunha misiva formada polo seu presidente, Nenad Lalovic, ao ser a única cidade candidata presentada en tempo e forma.
Na carta, ademais de dar o parabén a Pontevedra, o mandatario da UWW confirma que nun breve período de tempo será enviado á Federación Española de Loita o contrato e os requisitos establecidos para acoller este campionato, que se celebrará entre os días 2 e 8 de setembro de 2024.
O Mundial Júnior únese desta forma ao Mundial Sub-23 e de Grappling Cadete e Júnior que Pontevedra ten previsto organizar en outubro de 2022.
Ademais, na aposta que se está realizando por esta modalidade deportiva, a Boa Vila postulouse como candidata ao Europeo e o Mundial Absoluto do ano 2025.