Despois de que a Xunta abrise a posibilidade deretomar a práctica deportiva con contacto usando a máscara de maneira obrigatoria tanto en adestramentos como en competicións, salvo que as propias federacións establecesen outras alternativas, a Real Federación Galega de Fútbol xa se posicionou.
"Débense buscar medidas alternativas ao uso da máscara tanto para os adestramentos como para os partidos de fútbol", comunican desde a RFGF tras consultar cos estamentos do fútbol galego e con médicos especialistas en medicina deportiva.
Aínda que a Futgal ten claro que o protocolo da Xunta supón un "gran avance para moitas disciplinas deportivas", e agradecen o esforzo da Secretaría Xeral para o Deporte e da Consellería de Sanidade para regresar á normalidade no deporte galego, os estamentos do fútbol autonómico coinciden en "rexeitar o uso da máscara na práctica deportiva".
O presidente da Federación, Rafael Louzán, comunicou esta postura ao secretario xeral, José Ramón Lete, ramarcando que "presentará en breve ese protocolo actualizado que debe ser aprobado e autorizado pola propia Secretaría e que terá como obxectivo poder iniciar as competicións cando as autoridades sanitarias así o consideren, e sempre con medidas que ofrezan garantías sanitarias."
No comunicado emitido este sábado, a RFGF entende que "o deporte debe xogar un importante papel na medida en que a práctica deportiva é sinónimo de saúde, de hábitos saudables, de disciplina normativa e tamén de formación", pero que "non retomarán a actividade a calquera prezo, xa que a prioridade segue sendo a saúde dos deportistas".
Por último, Louzán engade que "a Federación axudará aos clubs con medios económicos na posta en marcha desas medidas" e ten claro que "debe buscar e traballar a fondo para poñer en marchas esas solucións alternativas."