A Federación Española confirma a praza olímpica de Támara Echegoyen para París 2024

Pontevedra
11 de outubro 2023

A regatista pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló serán as representantes de España na clase 49erFX dos Xogos Olímpicos de París. Será a súa cuarta participación olímpica

Támara Echegoyen e Paula Barceló, medalla de bronce no mundial de vela 49er FX do ano 2022
Támara Echegoyen e Paula Barceló, medalla de bronce no mundial de vela 49er FX do ano 2022

Xa é oficial. Támara Echegoyen vivirá en París 2024 a súa cuarta experiencia olímpica.

A Real Federación Española de Vela confirmou que a praza nacional no 49erFX para os próximos Xogos Olímpicos é para Támara Echegoyen e a balear Paula Barceló, que lograron clasificar a España no último Campionato do Mundo.

"Tras avaliar a traxectoria deportiva de todo este ano, así como os resultados obtidos e baseándose nos informes técnicos de adestradores, foron asignadas as prazas de 49er: Diego Botín e Florian Trittel; 49er FX: Támara Echegoyen e Paula Barceló; Nacra 17: Tara Pacheco e Andrés Barrio; 470 Mixto: Jordi Xammar e Nora Brugman; iQFOiL Masculino: Nacho Baltasar; e Formula Kite Feminino: Gisela Pulido", explica a Federación Española.

Deste xeito Támara Echegoyen convértese na segunda pontevedresa clasificada para a gran cita deportiva do próximo verán, tras o pasaporte logrado por Juan Antonio Saavedra no tiro paralímpico.

A regatista pontevedresa acudirá aos Xogos aspirando unha vez máis a todo, e é que sempre pelexou polas medallas. Logrou o ouro no seu debut en Londres 2012, mentres que en Río 2016 e en Tokyo 2020 asinou senllos diplomas ao finalizar en cuarta posición.