A tempada do balonmán español está no aire.
Ante a crise sanitaria que se está vivindo e que levou á suspensión de todos os eventos deportivos sen data de continuación, a Federación Española de Balonmán decidiu trasladar un cuestionario aos clubs para saber se, en caso de contar con todas as garantías sanitarias estarían dispostos a xogar a porta pechada os partidos que quedan por disputarse e, de facelo, que sexa nos meses de xuño e xullo realizando previamente unha minipretemporada de 10-15 días.
Os dous clubs pontevedreses que militan en División de Honra Prata teñen unha opinión clara.
A Sociedad Deportiva Teucro quere que se de por finalizada a tempada sen que se produzan nin ascensos nin descensos, mentres que o Cisne, no caso de que iso suceda, reclamará o seu ascenso á máxima categoría do balonmán español ao atoparse líder da clasificación.
Unha das decisións que debe tomar a Federación é que fará cos ascensos e descensos, e por iso traslada aos clubs outras preguntas como que farían con eles e se establecerían unha fórmula de competición diferente á actual para poder levalos a cabo.
Por último, queren coñecer a opinión dos clubs acerca de cal é a data límite que consideran oportuna para reiniciar a competición e que clasificación terían en conta en caso de non poder a renovarse as ligas, a do final da primeira volta ou a do momento da suspensión.