A Federación convoca a catro cisneístas no CAR de Sierra Nevada

Pontevedra
23 de xuño 2019

Víctor Fernández, Carlos Álvarez, Román Arboleya e Dani Virulegio, do 2002 e 2003, acudirán a finales de verán ao Centro de Alto Rendimiento de balonmán granadino

Carlos Álvarez no partido entre Cisne e Barcelona no Campionato de España Cadete
Carlos Álvarez no partido entre Cisne e Barcelona no Campionato de España Cadete / Nacho Fuentes

O centro de alto rendemento de balonmán de Sierra Nevada recibirá, o próximo mes de setembro, a preto de 50 mozos xogadores, entre os que se atoparán catro cisneístas.

O central Victor Fernández, o extremo dereito Carlos Álvarez (tamén convocado cos Hispanos Promesas para disputar o Europeo Open) e os pivotes Román Arboleya e Dani Virulegio, nacidos entre 2002 e 2003, son os premiados pola área técnica da Federación Española de Balonmán polos logros conseguidos ao longo da recentemente terminada tempada.

O Cisne está, unha vez máis, de parabén e convértese, así, nun dos clubs que máis xogadores achegan á concentración deportiva, xunto aos tamén catro do Ademar León. Tan só son superados polo Barça, que contará con cinco dos seus mozos na cita granadina.

A concentración terá lugar entre os días 18 e 25 do próximo mes de setembro e, aínda que o número de convocados é alto, nas próximas semanas completarase a lista de nomes de xogadores seleccionados.