Teresa Abelleira é campioa do mundo, e a alegría na súa localidade natal, Pontevedra, desbordouse en cada recuncho, pero en especial nunha Praza da Ferrería onde se atopaba boa parte da súa familia, a que non puido viaxar a Australia.
Alí estaban os seus avós. "Estamos alucinados. Non me esperaba isto, que fóra así", explicaba emocionado o seu avó Tomás nada máis terminar o encontro.
"É unha alegría moi forte, unha emoción que non son capaz de nin falar do contenta que estou. Só quero mandarlle un abrazo moi forte á miña neta", sinalaba á súa vez a súa avoa.
Todos estaban desbordados da emoción, e non era para menos. "É impresionante. É boísima, que vou dicir eu, a súa tía, cuanda era pequena era espectacular do boa que era, pero teno currado moito", dicía tamén a súa tía Efi.
Xunto a ela estaba Edu Sousa, porteiro do Pontevedra e cuñado de Tere: "O fútbol feminino merecía isto, creo que levan moitísimo tempo remando e rascando para que sucedean este tipo de cousas, pasou hoxe e Tere está aí", sinalaba moi contento polo conseguido pola centrocampista pontevedresa, avanzando ademais que "en dous ou tres días estará aquí".
Ata a praza da Ferrería, para felicitar á familia de Tere Abelleira, achegouse tamén ao final do encontro o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, para quen este triunfo é "un premio á traxectoria de fútbol de toda a familia".