Sufrir. Ata o último instante. Adoita suceder na recta final da liga cando a maioría dos equipos se xogan tanto. Soubo facelo o Pontevedra ante un Laracha que vendeu cara a súa derrota. Sufrir, ter fe ata o final e contar cun home capaz de marcar diferenzas coa súa calidade ante o gol como Pablo Carnero. Foron as claves dun triunfo agónico dos granates, consecuencia do seu dominio, que non do seu bo xogo.
O dominio territorial con que arrancou o partido o Pontevedra, non se vía reflectido en chegadas con perigo á área dun Laracha que acumulaba homes en dúas liñas moi xuntas preto da frontal. Non pasaba nada. Os visitantes esperaban a súa oportunidade de saír á contra e os granates que se impuxera a superior calidade dos seus homes. Polo camiño, o aburrimento. Ata que apareceu a primeira xenialidade de Pablo Carnero.
O dianteiro inventa un taconazo ao alcance de moi poucos xogadores nesta categoría (minuto 13), deixando o balón a Tubo co carril aberto. O seu centro, raso, aprovéitao Centrón, anticipándose a Ivan, para meter o pé de preto e abrir o marcador.
Con pouco o Pontevedra se adiantara. E con menos aínda o Laracha empataba apenas un minuto máis tarde. Unha vez máis, como unha semana atrás en Boiro, o gol visitante chegaba froito dun mal balance defensivo. Con algo tan sinxelo como un pase frontal ás costas de Campillo. O central reacciona tarde e Dani Bea aprovéitao para plantarse ante Edu e batelo por raso.
Bo gol na finalización, pero acción absolutamente evitable por parte dun Pontevedra que volveu pecar de falta de oficio, precisamente cando se lle puxera o partido de cara. E xogada para meditar e corrixir, porque de producirse nun partido de play-off pode custar unha eliminatoria.
Nun minuto pasara o pouco destacable dunha moi frouxa primeira parte, ata que na recta final aparece de novo Pablo Carnero para inventar un pase de espora, a centro de Adrián, que deixa o balón nos pés de Jorge. O dianteiro, que segue pelexado co gol, volve fallar clamorosamente, tocando o balón tan suave que Antonio chega a tempo para evitar que traspase a liña.
Logo, de novo Pablo Carnero, sempre el, para caer na área ante a entrada de Antonio. Tiña pinta de existir contacto e penalti, pero o colexiado non o viu así, quizais para evitar tamén sacar a que sería segunda amarela do central visitante.
Pouco, moi pouco, ante un equipo discreto pero loitador, que fixera un desgaste físico importante para nivelar a superioridade local, que empezaba a quedar plasmada no dominio cada vez maior dos de Luisito, malia o evidente desacerto de bastantes dos seus xogadores. E esa precisamente era a dúbida no descanso, saber se o Laracha, afeito a un campo moito máis pequeno que Pasarón, aguantaría o ritmo.
A dúbida tardou pouco en despexarse. Aínda que o Pontevedra seguía sen estar fino, o Laracha caeuse fisicamente, permitindo que o dominio local crecese e as chegadas á área tamén. Jorge tivo dous remates en apenas un minuto, sen acerto. Os visitantes, que fiaban a súa sorte á posibilidade de aguantar o marcador ou ben a unha contra que lles permitise algo máis, case o encontran nun disparo de ÿscar Martínez, que entre Edu e o poste se encargaron de anular, así como nun remate de Martín, só, que manda ás nubes.
No medio de ambos os dous, Pablo Carnero mandaba o balón o longueiro, de cabeza, tras un remate de Anxo. Superárase a hora de xogo e Anxo precisamente empezaba a facer estragos coa súa velocidade na zaga visitante. Nunha desas accións provoca a segunda amarela e expulsión de ÿlmer. Quedaban algo máis de 20 minutos de partido.
E o de Riveira seguiu ao seu. Desborda tres defensas e pon un centro medido á cabeza de Jorge (minuto 71) que volve fallar o incrible, mandando o balón fóra a porta baleira. Logo dispara con perigo ao lateral da rede, rozando o balón nun defensa que evita o gol.
Aquilo era un acoso total, pero non chegaba o derrubamento. Ata que apareceu o de case sempre, Pablo Carnero, para resolver o partido cunha xenialidade (minuto 87) cando xa os afeccionados locais se temían un tropezo. Recibe o balón preto do vértice da área, levanta a cabeza, ve adiantado ao porteiro Damián e pica en vaselina para derrubar a muralla visitante.
Non contento con iso, no desconto, o mesmo Pablo Carnero facía o terceiro ao rematar á media volta un centro de Fran Fandiño. Resultado xusto, si, pero enganoso. O Pontevedra sufrira o indicible ante un rival ordenado pero limitado. Claro que os granates teñen un xogador que está a anos luz do resto nesta categoría, e outro como Anxo, que cada vez que sae dende o banco revoluciona.
PONTEVEDRA CF (3): Edu (1); Adrián (1), Pablo (1), Campillo (1), Rubén Lobato (0); Tubo (1), Kevin Presa (2), Álvaro Muñiz (1), Centrón (1); Pablo Carnero (3) e Jorge (1).
Substitucións: Anxo (3) por Centrón, minuto 58. Tomás (2) por Álvaro Muñiz, minuto 80. Fran Fandiño (s.c.) por Jorge, minuto 89.
LARACHA CF (1): Damián (2); Iván (1), Antonio (2), Berto (2), Pablo (1); ÿlmer (2); Alexandre (1), Denís (2), Iago Iglesias (2), ÿscar Martínez (1); e Dani Bea (3).
Substitucións: Rebolo (2), por Iván, minuto 46. Martín (1) por ÿscar Martínez, minuto 61. Taibo (s.c.) por Dani Bea.
Árbitro: Fernando Formoso Sánchez (Ferrol), auxiliado nas bandas por Ricardo Landrove Lago e Alejandro Miño Pico. Expulsou o xogador visitante ÿlmer, por dobre amoestación (minuto 67). Amoestou a Álvaro Muñiz, Campillo e Tubo, polo Pontevedra, e a Berto, Antonio, Iago Iglesias e Denís, polo Laracha.
Goles: (1-0) Minuto 13: Centrón. (1-1) Minuto 14: Dani Bea. (2-1) Minuto 87: Pablo Carnero. (3-1) Minuto 94: Pablo Carnero.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores.