A falta de acerto condena un Pontevedra que brillou na estrea de liga ante a Gimnástica de Torrelavega (1-2)

Pontevedra
03 de setembro 2023

A falta de acerto condenou o Pontevedra, que foi de menos a máis, na súa estrea ligueira ante a Gimnástica de Torrelavega, encadeando ocasión tras ocasión pero sendo incapaz de bater a portería rival. Os granates despídense da primeira xornada con mal sabor de boca polos tres puntos que foxen de Pasarón, pero con boas sensacións polo bo xogo do equipo

Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón / Cristina Saiz

A falta de acerto condenou o Pontevedra, que foi de menos a máis, na súa estrea ligueira ante a Gimnástica de Torrelavega, encadeando ocasión tras ocasión pero sendo incapaz de bater a portería rival.

Co 0-2 no marcador, os de Yago Iglesias reduciron distancias cun golazo de Yelko Pino no primeiro tempo e foron completos dominadores no segundo, pero o balón non quixo entrar a pesar da infinidade de oportunidades das que dispuxeron.

Os granates despídense da primeira xornada con mal sabor de boca polos tres puntos que foxen de Pasarón, pero con boas sensacións polo bo xogo do equipo.

Saltou o Pontevedra ao verde coas idea de facer un xogo directo, buscando aos xogadores de arriba e romper cos problemas para gol que viña arrastrando durante a pretempada. Para iso, Yago Iglesias apostou cun once renovado, repleto de novas fichaxes e só Borja, Yelko e Bastos pertencían ao persoal da pasada campaña.

Pero ao equipo custáballe chegar a área rival e era a Gimnástica a que tiña a primeira ocasión do encontro. Sacou de esquina José Miguel, o balón quedou rexeitado na frontal e Alberto Gómez sacou un disparo que se foi fóra por moi pouco.

Chegaban máis os visitantes a portería de Edu Sousa, aínda que sen claridade, e cando parecía que o Pontevedra ía sacar proveito dun contragolpe iniciado por Yelko, chegou o gol rival. Estaba todo o equipo envorcado arriba e o Torrelavega replicó de forma automática, con Saúl García penetrando moi cómodo ata a área e cedendo a Javi Delgado, que entrou só ao segundo pau e disparou sen oposición. Corría o minuto 20.

Tocaba cambiar a situación e os de Yago Iglesias empezaron a enlazar balóns e vivir en campo contrario, pero o xogo era moi lento e eran incapaces de atopar espazos. A pesar diso, chegou o primeiro disparo entre os tres paus do Pontevedra. Recuperou Garay, centrou Bastos, o balón quedou morto no punto de penalti, un defensor rexeitou mal e Charly disparou de chilena, frouxo e ás mans de Sotres.

Buscaban os de Lérez o empate custe o que custe pero o gol non chegaba. Si chegou o segundo para a Gimnástica no minuto 35 tras unha falta lateral ao segundo pau e croque á rede de Miguel Gándara.

Antes diso, Borja Domínguez tívose que retirar lesionado e entrou Rufo no seu lugar, converténdose nun revulsivo en ataque nos últimos instantes do partido. De feito, protagonizou unha das xogadas máis claras, aguantando o balón dentro da área de costas a portería, o defensa agarroulle de forma clara e diante do árbitro, pero non pitou penalti. O balón quedou nos pés de Samu Mayo, pero o seu disparo foise fóra por pouco.

O Pontevedra estaba envorcado por completo en tarefas ofensivas, necesitado dun gol para reducir distancias e chegar vivo ao segundo tempo. E foi nese momento cando apareceu o capitán Yelko Pino para levantar da bancada á afección e darlle esperanzas cun auténtico golazo que coou polo lado da barreira a falta de cinco minutos para o intermedio.

E foi ao fío do descanso cando chegaron as ocasións máis claras dos granates, que buscaban por todos os medios igualar a contenda aínda que sen ser capaces de logralo.

As boas sensacións mostradas na recta final do primeiro tempo estaban a traducirse da mesma forma ao comezo do segundo, reclamando xa aos dous minutos un penalti por unha posible man dun defensor que acabou en amarela para Rufo por protestar. Antes, entrara Álex González en lugar de Eneko Zabaleta.

Gustábanse os granates aínda que o gol seguíase resistindo. Primeiro tentábao por medio de Garay, que estrelaba o balón no pau, e logo con Charly, que collía un disparo rexeitado do arxentino pero que Sotres atallaba de socato. Mentres, o Torrelavega aproveitaba cada chegada á súa área por parte do Pontevedra para tentar rabuñar uns segundos cada vez que podía, en especial por medio do seu gardameta, moi pitado pola afección granate.

Alcanzábanse os últimos 15 minutos e os locais continuaban cunha altísima presión para roubar rápido e non deixar xogar ao seu rival. E tras unha recuperación en campo rival chegou unha das ocasións máis claras do partido. Saíu Sotres a despexar, a portería quedou baleira e o esférico chegou a Chiqui, que se precipitou á hora de disparar e enviou o coiro ás nubes. Nesa mesma xogada, o 11 tívose que retirar por molestias nunha perna.

Entraba o partido na recta final e os nervios cada vez eran máis notables. Rufo tiña nas súas botas o gol do empate e, acto seguido, era Yelko o que o tentaba desde a media lúa. Mentres tanto, os xogadores visitantes seguían na súa liña de perder tempo, en especial tras a expulsión do seu capitán, que viu a segunda amarela tras cortar unha xogada de perigo coa man.

Quedaban por disputarse seis minutos e seguía habendo posibilidades de atopar un empate que puido chegar por medio de Jaichenco, que pecou de egoísmo e xutou de lonxe por encima da portería rival. E tivo o última Ángel Bastos tras un bo centro de Álex González, pero o balón este domingo decidiu non entrar e alcanzouse o asubío final nun inxusto 1-2.

PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Bastos, Mario Gómez, Borja (Rufo, min. 28), Yelko, Chiqui (Hugo Padín, min. 79), Samu Mayo, Dalisson (Jaichenco, min. 68), Benjamín Garay, Eneko Zabaleta (Álex González, min. 45) e Charly.

RS GIMNÁSTICA TORRELAVEGA (2): Dani Sotres, Álex Rasines (Ernesten Rubis, min. 68), Álvaro Álvarez, Alberto Gómez (Miguel Gómez, min. 80), Unai Hernández (Marcos Fernández, min. 80), Josemi, Álex Basurto, Saúl García (Puras, min. 61), Miguel Gándara, Javier Delgado e Alberto Delgado (Adri Pérez, min. 61).

Goles: 0-1, min. 20, Javi Delgado. 0-2, min. 35, Miguel Gándara. 1-2, min. 40, Yelko Pino.

Árbitros: Omar Álvarez, auxiliado nas bandas por Sergio Álvarez Pardo e Alejandro Fernández Rodríguez. Amoestaron con tarxeta amarela a Yelko, Zabaleta e Rufo no Pontevedra e a Rasines, Josemi e Alberto Delgado. Miguel Gándara foi expulsado no minuto 87 por dobre amarela.

Incidencias: Partido entre Pontevedra CF e Gimnástica Torrelavega correspondente á xornada 1 de Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 1.841 espectadores.