Tres de tres. A selección española feminina de fútbol segue sumando todos os seus partidos en París 2024 por vitorias. A última, a que lograron este mércores ante Brasil, ao que derrotaron por 2-0 no último partido da fase de grupos.
Coa clasificación a cuartos de final xa no peto, a pontevedresa Tere Abelleira volveu ser titular no once deseñado por Montse Tomé, ao igual que o foi no encontro ante Nixeria.
No estadio de Bordeos, as españolas volveron demostrar que viñeron a estes xogos para lograr outro triunfo e conquistar a tripla coroa, tras o Mundial e a UEFA Nations League.
Dous goles de Athenea del Castillo (minuto 68) e de Alexia Putellas (minuto 106) certificaron o primeiro posto de España no grupo C do torneo olímpico.
Foi nun partido moi disputado no que a futbolista brasileira Marta Vieira da Silva foi expulsada, no sexto minuto de engadido da primeira metade, por unha patada cos tacos por diante á cabeza de Olga Carmona na loita por un balón.
Esta expulsión condicionou un choque que estivo moi igualado desde o primeiro minuto.
Obrigou a Brasil a dar un paso atrás e deixar o control do balón á selección española que, grazas ao seu ímpeto habitual, non tardou moito en abrir o marcador.
Por se quedaba algunha dúbida, foi Alexia Putellas a que sentenciou o partido xa no desconto.